Yoigo vén de presentar o seu informe de actividade relativo ao último trimestre de 2015 e a todo o ano pasado. Segundo fai saber a operadora, os datos amosan que a compañía “segue a medrar e de maneira sostida”. Así, nun plano máis concreto, foi quen de incrementar vendas e clientes, entre outros logros. As súas vendas totais foron de 854 millóns de euros, un 5% máis con respecto ao ano 2014. Este incremento, sinala a compañía, “é o resultado dunhas tarifas fortemente competitivas, especialmente a súa tarifa Sinfín, que permitiron incrementar en 92.000 o número de novos clientes con contrato, e que xa supoñen o 67% da súa base de clientes”. Ademais, no informe dise que Yoigo está en cabeza no que se refire a captación de usuarios doutras compañías (“portabilidade positiva”).
O resultado de explotación foi de 25 millóns de euros no último trimestre do pasado ano, e un total de 77 millóns de euros de EBITDA a peche do exercicio, “un 12% máis que en 2014”. Na presentación dos resultados, o conselleiro delegado de Yoigo, Eduardo Taulet, salientou que “por primeira vez, a compañía conseguiu un resultado neto positivo de 2 millóns de euros, fronte a un resultado negativo de 22 millóns de euros en 2014”. A débeda financeira, ademais, resultou ser “practicamente nula” en 2015. Isto, sinalou o conselleiro delegado, permitiralle á empresa “facer fronte a futuros investimentos precisos para seguir medrando no mercado”.
Yoigo incrementou as súas vendas netas nun 5%
Compartir Este Artigo

