O Concello de Lugo vén de asinar un convenio de colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), do Ministerio de Industria, destinado a cooperaren en materia de emprendemento e innovación. O orzamento será de 800.000 euros e a iniciativa fornecerá a máis de 260 lucenses, de balde, apoio integral e personalizado para pór en marcha as súas empresas. Na presentación do acordo a alcaldesa Lara Méndez lembrou que a actividade que levan a cabo os emprendedores e as PEME xeran preto do 70% do emprego, o que os sitúa como “o principal motor da economía” e fai precisos, polo tanto, programas e accións que fomenten e garantan a súa actividade. A iniciativa lanzada polo Concello e a EOI (o programa Inicia Coworking) achegará a través do CEI Nodus espazos de traballo físicos e virtuais. Subministrará, tamén, recursos de formación en mercadotecnia, ferramentas tecnolóxicas de xestión e comunicación, recursos de financiamento, etc.
A actividade comezará en abril e desenvolverase neste 2016 e en 2017. Segundo fixo saber o Concello, abriranse catro convocatorias, cunha duración de 5 meses cada unha, e cun máximo por convocatoria de 22 proxectos, nos que poderán participar de unha a tres persoas. O obxectivo “é reter en Lugo o talento dos lucenses, captando proxectos innovadores vinculados ao impulso do emprego, como os servizos sociais, turismo, xestión cultural, medio ambiente ou novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, TIC”, afirmou a Alcaldesa.
O programa Inicia Coworking en Lugo, engadiu a alcaldesa, “suporá un revulsivo para o Centro de Empresas e Innovación, o CEI-Nodus, que xa vimos reforzando por exemplo coa recente implantación por primeira vez en Lugo da sede de AJE Galicia, o que abre novas oportunidades económicas para a cidade, pois ponnos no mapa empresarial da comunidade e reforza as sinerxías coas outras asociacións que están alí traballando, como a de Mulleres Empresarias ou o GDR Terras de Lugo, e tamén coas 21 firmas que funcionan a día de hoxe no viveiro de empresas”.
O plan aséntase sobre 5 piares: obradoiros de formación; asesoramento personalizado e especializado; networking ou rede de contactos; presentación do proxecto ante inversores e busca de financiamento.
O Concello de Lugo e a EOI achegarán apoio innovador a 260 emprendedores
Compartir Este Artigo

