Este martes 2, a partir das 10.30 horas, celébrase nos nosos campus a xornada de traballo Xestión e computación de datos LiDAR. O evento vaise transmitir en directo vía streaming no salón de actos do CiTIUS da Universidade de Santiago e máis no salón de graos da Facultade de Informática da Coruña. Celebrase na sala de xuntas da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo. Como lembraremos, LiDAR é un sistema que permite obter unha nube de puntos do terreo tomándoos mediante un escáner láser carretado dende o ar.
Na xornada participarán David Deibe (Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC), Miguel Luaces (Laboratorio de Bases de Dato da UDC), Jorge Martínez (Grupo de Arquitectura de Computadores da USC), Sandra Buján (Laborate – USC) e David Fernández (VideoLaBCartoLab da UDC). Tamén intervirá Juan Suárez, da Northern Rerearch Station de Edimburgo.
Trataranse retos e desafíos relativos ás ditas tecnoloxías LiDAR, como por exemplo a cuestión da información masiva (Big Data) e a grande cantidade de datos que xeran os devanditos sistemas nas súas exploracións e as esixentes e potentes ferramentas de xestión e tratamento que se precisan. Segundo avanza a organización do evento, “trátase dun ámbito de crecente interese especialmente no desenvolvemento de aplicacións prácticas baseadas nesta información”.
A xornada vén da man da rede TLIX, composta por un colectivo de investigadores interdisciplinar que cobren todas e cada unha das fases implicadas no proceso da xestión con tecnoloxías LiDAR: a obtención da información, o almacenamento desa información e o seu tratamento organizativo, a computabilidade no procesamento eficiente adaptado a diferentes sistemas de computación, e finalmente a visualización e interactividade do usuario final da aplicación práctica. Neste workshop presentaranse algúns dos resultados acadados polos integrantes da rede e presentarse a conferencia titulada Que pode revelar a unión de sensores LiDAR, térmico e hiperspectral? polo doutor Juan Suárez da Northern Research Station de Edimburgo.
As tecnoloxías LiDAR, eixe temático dunha xornada na USC e na UDC
Compartir Este Artigo

