Mariluz Gil, Mario Outeiro, Pablo Ramil, Javier Bueno, Santiago Moreno e Juan Ortiz, na presentación do campionato de modelado 3D de precisión con móbilOs estudantes de ensino medio de entre 15 e 17 anos teñen unha cita mañá, martes 2 de febreiro, a partir das 11.30 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo para participar na “botadura” oficial da nova edición (2016) do campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil D3mobile Metrology World League. O certame arrinca cun acto de presentación no que investigadores do grupo USCAN3D da USC e promotores deste proxecto amosarán ao público “unha iniciativa a través da que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) quere promover as vocacións científicas dos nosos estudantes mediante un teléfono móbil”. O profesor da USC e director deste proxecto, Juan Ortiz Sanz, explicará polo miúdo os detalles desta competición no decorrer dun acto no que tamén participarán: o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta; a xefa de Servizo de Formación do Profesorado da Xunta de Galicia, Fátima García, e Antón Ledo, da área de Cultura, Patrimonio Histórico, Normalización Lingüística e Artesanía e Deseño da Deputación Provincial de Lugo. Pola súa banda, a profesora e coordinadora do grupo de investigación da USC para a Documentación en 3D, Mariluz Gil Docampo, e José Suárez, responsable de AAPP de Vodafone en Galicia, tamén asistirán á apertura desta iniciativa avalada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Engadir por último que este campionato está aberto á participación de estudantes de todo o mundo e levarase a cabo completamente en liña. Toda a información referida ao torneo está accesible na páxina do evento.