O Consello de Ministros ratificou o pasado venres a posta en marcha dun convenio marco de colaboración coa Xunta de Galicia que fará posible un investimento de 3,5 millóns de euros para impulsar a innovación tecnolóxica na comunidade autónoma galega. Este acordo, que previamente contaba coa autorización do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, terá unha vixencia de cinco anos (2016-2020) e subscribirano a entidade pública Red.es, pertencente ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), adscrita á Consellería de Presidencia da Xunta.
No marco do acordo desenvolveranse convenios específicos que fomenten o emprendemento de base tecnolóxica e os procesos de innovación aberta nesta comunidade autónoma. Desta forma, poderanse impulsar accións como a posta en marcha de servizos de incubación e aceleración, servizos orientados á mellora do proceso emprendedor (internacionalización e crecemento), apoio á procura de financiamento e dotación de equipamento tecnolóxico, entre outros. Red.es financiará o 80% do investimento, mentres que AMTEGA achegará o 20% restante.
Red.es e AMTEGA xa están a colaborar a través do Centro Público Demostrador de solucións TIC de Galicia. Desde o que se impulsa e difunde o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación nos sectores empresariais galegos. Este novo paso supón unha extensión da política de colaboración iniciada entre ámbalas dúas entidades e abre a posibilidade de explotar novos mecanismos que impulsen o emprendemento no sector tecnolóxico.
Os programas e actuacións que se desenvolvan a través do convenio marco de colaboración aprobado polo Consello de Ministros contarán co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), cuxa finalidade é fornecer a cohesión económica e social na Unión Europea e corrixir os desequilibrios entre as súas rexións.
Red.es e AMTEGA investirán 3,5 millóns de euros para impulsar a innovación tecnolóxica e o emprendemento en Galicia
Compartir Este Artigo

