Os días pasados escenificouse na nosa terra un importante intercambio de coñecemento tecnolóxico entre os Gobernos chileno e galego. No achegamento participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o subsecretario de Telecomunicacións de Chile, Pedro Huichalaf. O representante do Goberno de Chile quixo coñecer de primeira man a estratexia tecnolóxica da Administración galega, cuestións como por exemplo os plans de dixitalización dos servizos públicos e dos sectores “estratéxicos” da nosa economía.
Na reunión, Pereira amosoulle a Huichalaf algúns dos principais froitos acadados por AMTEGA dende o ano 2009: a posta en marcha propia Axencia como “único órgano que xestiona de xeito centralizado toda a política tecnolóxica da Xunta” ou a habilitación do Centro de Proceso de Datos Integral, entre outros fitos.
En termos concretos, lembroulle ao secretario de Telecomunicacións de Chile que a estratexia tecnolóxica galega para os vindeiros cinco anos mobilizará un investimento público-privado de 1.500 millóns de euros. Tamén lle fixo saber que o seu departamento, en colaboración coas consellerías, está a desenvolver os 14 plans de actuación da nova Axenda Dixital de Galicia 2020 para afianzar a dixitalización da Educación, a Xustiza, do eido sociosanitario, dos sectores primarios e estratéxicos galegos e para proporcionar o acceso a todos os galegos de redes ultrarrápidas.
AMTEGA amosa a súa estratexia perante o Goberno de Chile
Compartir Este Artigo

