O Goberno galego vén de dar a coñecer un dato que acredita, segundo fai saber, o referencial traballo despregado en materia de accesibilidade no portal da Consellería de Facenda, unha web (como lembraremos) deseñada e desenvolvida polo Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC). A páxina en cuestión recibiu a terceira maior puntuación na avaliación de sitios ceibes de atrancos dun conxunto de 152 espazos web de toda España. Son datos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (MINHAP).
Máis en detalle, o portal da Consellería de Facenda (conselleriadefacenda.es) obtivo unha puntuación media de 9,35 puntos sobre 10, emprazándose en segundo lugar ao analizárense 18 portais de tributos por parte do Observatorio de Accesibilidade do MINHAP, un organismo encargado entre outras cousas de realizar análises sobre o grao de cumprimento en materia de accesibilidade dalgúns dos portais máis relevantes da Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas e das entidades locais, co obxectivo de ofrecer un informe sobre a súa situación que axude a mellorar os problemas de posibles atrancos e obstáculos de toda índole que estes espazos web puideran presentar.
Segundo nos lembra Facenda, “o principal obxectivo deste Observatorio é o de realizar auditorías periódicas dos portais das diferentes administracións públicas e coñecer de forma fidedigna o seu estado de accesibilidade co fin de axudalos a mellorar”. Nun plano máis concreto, o devandito informe tenta amosar como o grao de accesibilidade evoluciona ao longo do tempo e identificar aqueles problemas que resultan máis comúns, “para desta maneira extraer conclusións e plans de acción axeitados que permitan afianzar un nivel óptimo de cumprimento de maneira sostida no tempo”, engade Facenda, que lembra que estas actuacións insírese nas directrices establecidas pola Comisión de Estratexia TIC e o Comité Sectorial de Administración Electrónica para a promoción da Administración Dixital mediante a realización de estudos, e a través do deseño e a execución de programas de actuación, así como coa cooperación entre as distintas Administracións.
A web de Facenda obtén a terceira maior puntuación na listaxe do Observatorio de Accesibilidade do MINHAP
Compartir Este Artigo

