O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe nun encontro de networking con comerciantes de Lugo na sede da Federación Galega de Comercio, o papel clave das novas tecnoloxías para continuar reforzando o comercio galego que, tal e como sinalou, está a ser clave na recuperación económica grazas ao esforzo dos empresarios e traballadores do sector.
Na súa intervención Conde fixo especial fincapé na oportunidade que supón para o comercio de proximidade a venda a través da Internet, apuntando que dentro dos preto de 6 millóns de euros en axudas específicas para o comercio de proximidade galego postas en marcha no que vai de ano pola Consellería de Economía, Emprego e Industria se destinan máis de 3 millóns ao programa de impulso ao smart commerce e o comercio en liña. Lembrou que, segundo os últimos datos do OSIMGA as empresas galegas de menos de 10 empregados que venden en internet alcanzaron en 2015 o 10,6%, máis do dobre que o ano anterior.
No encontro o conselleiro sinalou que ademais das axudas específicas para o sector os comerciantes poden acceder aos diferentes apoios para as PEME do IGAPE ou da área de Emprego, que ten en marcha convocatorias por 20,5 millóns de euros para fomentar e apoiar o traballo autónomo, e resaltou que ademais dos programas de axudas o Goberno galego está a dedicar un importante esforzo ao eido da simplificación administrativa.
Así, fixo referencia á recente activación da oficina Doing Business en Galicia, unha canle de comunicación directa a través de internet para que os cidadáns e empresarios consulten sobre as tramitacións dos seus proxectos, e tamén para que propoñan solucións para a simplificación normativa e a supresión de barreiras burocráticas para a posta en marcha de novos negocios.
Francisco Conde salienta en Lugo as vantaxes que supoñen as TIC para o comercio de proximidade
Compartir Este Artigo

