O III Taller Marketing Expertise, organizado polo IGAPE en colaboración coa Cátedra Jean Monet da Universidade da Coruña, desenvolverase esta semana na Coruña e en Santiago contando con expertos de prestixio procedentes de Alemaña e Países Baixos que compartirán o seu coñecemento no ámbito da comercialización da investigación tecnolóxica co tecido empresarial galego.
O primeiro dos encontros cos relatores convidados a este III Taller de Marketing Expertise, Jürgen Janovsky, profesor da Universidade de Pforzheim (Alemaña) e experto en xestión da innovación, transferencia de tecnoloxía e desenvolvemento de PEME, e P.A. Breddels, desenvolvedor de negocios para empresas de alto contido tecnolóxico no Holst Centre Research Institute (Países Baixos), desenvolverase en Santiago o vindeiro xoves na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (rúa do Vilar, 54) a partires das 9:45 horas.
O venres, a partires das 11:45 horas, a sede da CEO na Coruña (praza Luís Seoane) acollerá o segundo encontro, seguido doutro que se desenvolverá, ese mesmo día, a partires das 17:45 horas, na Facultade de Economía e Empresa da UDC.
Os obradoiros de International Marketing Expertise están destinados a facilitar o contacto directo de empresas e responsables de centros tecnolóxicos ou de investigación con expertos coñecedores das demandas da industria actual en mercados de especial interese para o tecido empresarial galego. Estes encontros especializados forman parte das medidas impulsadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega, no eixo destinado a promover a cultura da internacionalización.
Ao abeiro desta estratexia, a proxección exterior do tecido empresarial galego confórmase como un dos eixos prioritarios da política económica da Xunta para consolidar o crecemento da economía e a xeración de emprego en Galicia. O obxectivo é conseguir que as exportacións alcancen o 40% do PIB en 2020, ampliando ao mesmo tempo o número das empresas exportadoras e a captación de investimentos estranxeiros.
Uns obradoiros achegan a empresas e centros de innovación as claves para comercializar tecnoloxía en mercados exteriores
Compartir Este Artigo

