Xa temos data para a terceira edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, un evento senlleiro no panorama galego de certames audiovisuais por ser o único que centra esforzos en amosar o que argallan os creadores no ámbito das webseries, e o primeiro do seu ámbito temático (series e Rede, Rede e series) a nivel estatal xunto co FEW-webfest de Madrid. O certame de Carballo, que cada ano empraza á capital de Bergantiños en plena vangarda das novas tendencias do audiovisual, celebrarase desta volta os días 5, 6 e 7 de maio.
Segundo lembra o Concello de Carballo, impulsor da iniciativa, o CIP acadou nas dúas pasadas edicións unha grande repercusión a nivel nacional e internacional, “situando a Carballo como unha referencia para o público e para os profesionais do sector da creatividade dixital”. En parte pola calidade do material amosado, en parte por ser o primeiro concello de todo o Estado que contou, xunto co devandito de Madrid, cun festival de webseries e de novos formatos narrativos.

Os obradoiros para adultos e estudantes
O Fórum de Carballo acollerá a completa oferta educativa do FormaCIP, que comezará o sábado 12 de marzo co obradoiro A web como canle para contar historias impartido por Oscar Otero. Unha semana máis tarde, os días 19 e 20 de marzo, será o produtor Felipe Lage quen imparta o obradoiro Produción e financiamento. A fin de semana do 2 e o 3 de abril, María Yáñez impartirá un curso titulado Marketing na rede e dende abaixo para o teu produto audiovisual. Todos eles custarán 20 euros. A fin de semana seguinte, Alfonso Zarauza ofrecerá un obradoiro de tres días sobre Dirección de actores, que custará 30 euros. E do 26 de abril ao 1 de maio as persoas que o desexen poderán coñecer de primeira man todo o proceso de Creación dunha webserie: Do guión á distribución, da man de David Saínz e Teresa Segura, cun custo de 100 euros.
Os obradoiros para nenas e nenos
Inclúese neste ámbito de actividades para os máis pequenos dende o obradoiro de Robótica con Lego Mindstorms que impartirán os Code Monsters e o de Micropaleta gráfica Codeco dos Esferobite, para nenos e nenas de 7 anos ou máis; ata o de Robótica express: programación e electrónica con Arduino, impartido tamén por Code Monsters, para rapaces de a partir de 12 anos; pasando pola Creación de emoticonas analóxicas de Paula Fraile, de 9 a 13 anos. Todos os obradoiros infantís do FormaCIP serán gratuítos. As datas e os horarios, así como o sistema de inscrición, publicaranse en datas vindeiras na web de Carballo Interplay. Quen o desexe, pode solicitar información a través do correo electrónico formacion@carballointerplay.com.
Carballo anuncia nova edición do Interplay e abre prazo para participar no FormaCIP
Compartir Este Artigo
