A feira Mobile World Congress, que se celebra entre o 22 e o 25 de febreiro en Barcelona (cunha ocupación hostaleira do 90% e coa previsión de atraer a máis de 100.000 visitantes), vai ser sen dúbida un gran escaparate tecnolóxico das empresas de novas tecnoloxías e comunicacións avanzadas que operan no territorio estatal e europeo. Unha destas compañías senlleiras en innovación e novidades é Vodafone, que vai ter espazo virtual e físico de seu (Hall 6, 6B30) para amosar, dende alí, “o funcionamento e as vantaxes dunha chea de solucións en tecnoloxías de rede 4G e o camiño cara a 5G con Edge Cloud Computing”. Tamén estarán dispoñibles solucións para Internet das Cousas (IoT), para empresas, para usuarios particulares e para persoas con diversidades funcionais (Fundación Vodafone España).
Nun plan máis concreto, a caseta achegará case 40 demostracións de tecnoloxías e servizos de Vodafone, abranguendo dende coches conectados a solucións para aparcadoiros e Cidades Intelixentes (Vodafone Cidade Conectada) pasando por antenas camufladas ou solucións de sinalización dixital para tendas. Como mostra do potencial da operadora, Vodafone instalou xunto con Huawei máis de duascentas microantenas Lampsites en varios pavillóns da Fira de Barcelona (o emprazamento de Mobile World Congress) co obxecto de mellorar a cobertura e capacidade das redes 3G e 4G en interiores.
No eido das demos, realizarase unha demostración da tecnoloxía MIMO 8X8 con velocidades de ata 1Gbps en mobilidade, capacidades que en palabras de Vodafone “abren a porta a novas aplicacións como ver vídeos en resolución 4K ou traballar con aplicacións de realidade virtual en mobilidade”. A operadora tamén explicará como melloran os tempos de resposta que amosan o camiño cara ás futuras redes 5G tirando partido de Edge Cloud Computing. Estas innovacións, explica a compañía, “tamén melloran a experiencia de usuario e optimizan o rendemento de aplicacións para Internet das Cousas, sendo clave para xerar novas oportunidades de negocio”.
Outra tecnoloxía para expoñer será CrowdCell, que permite mellorar a cobertura e rendemento da Rede a través dun sistema que amplía o sinal 4G de forma máis eficiente dentro e fóra dos coches. Os asistentes poderán ver como CrowdCell está integrada nun BMW fornecendo servizos 4G na banda de 2,6Ghz TDD (Estafe Division Duplex).
Outra solución a amosar en Mobile World Congress é a aplicación 4GFi, desenvolvida por Vodafone, que permitirá a usuarios con dispositivos 3G multiplicar a súa velocidade de datos por 15 ou por 3000 se son dispositivos 2G, “só coa súa conexión ao 4GFi hotspot”. Tamén posibilitará a extensión da cobertura 4G en situacións onde non é homoxénea ou está limitada, por exemplo en cafetarías ou en restaurantes.
Ademais as empresas tamén poderán coñecer as principais solucións corporativas ofrecidas por Vodafone como One Net Cloud Contact Center, o recurso de centro de chamadas na nube para comunicacións unificadas da operadora. Tamén será posible asistir a unha demostración de Big Data (información masiva) no ámbito corporativo e que permite coñecer en tempo real cantos empregados están nun determinado punto de interese de maneira agregada e anónima, o que permite enviar alertas en caso de ser necesario, entre outras funcionalidades.
No ámbito de Internet das Cousas desvelaranse as vantaxes da plataforma de Vodafone Automotive, que nos deixa en situación de xestionar frotas de vehículos e servizos relacionados. A empresa tamén exporá como xestionar de forma máis eficaz unha explotación mineira utilizando a tecnoloxía móbil, a análise de datos e a computación na nube.
A empresa, amais de todo o devandito, explicará os detalles de Vodafone Cidade Conectada, a solución na nube para operacións e xestión dunha urbe smart dirixida a concellos e administracións públicas. “A plataforma”, explica a empresa, “combina a capacidade de interacción entre sensores, dispositivos móbiles e mesmo cidadáns conectados con tecnoloxía 4G, M2M, fibra ou outras solucións de conectividade por cable, para proporcionar información do que acontece na cidade intelixente de maneira instantánea”. En palabras de Vodafone, permite optimizar os servizos públicos da cidade, coordinando os recursos e facilitando a toma de decisións. Por exemplo a xestión dos refugallos sólidos urbanos (ao saber cando cada un dos colectores están baleiros, medio cheos ou completamente cheos).
Vodafone amosará xeitos de crear cidades mellor xestionadas en Mobile World Congress
Compartir Este Artigo

