Os emprendedores de Ourense contarán con novos mecanismos para levar a cabo as súas iniciativas de innovación. Así o deron o coñecer os días pasados a Deputación e máis a Escola de Organización Industrial (EOI), que fomentarán a fórmula do coworking (traballo de diferentes empresas innovadoras nun mesmo espazo compartido común), a formación especializada e o asesoramento. O acordo entre o organismo provincial galego e a EOI (dependente do Ministerio de Industria) foi dado a coñecer polos seus principais representantes, Manuel Baltar e Fernando Bayón, respectivamente. O convenio, sinalaron, permitirá a 64 emprendedores ourensáns desenvolver 88 proxectos. Para isto, engadiron, contarán cun espazo físico dotado con Wi-Fi e conexión eléctrica; formación, asesoramento e organización de eventos de networking.
En total, investiranse neste proxecto 800.000 euros, dos cales 640.000 serán achegados por EOI e 160.000, por parte da Deputación de Ourense. A iniciativa insírese no Plan Tranforma Ourense da entidade que preside Baltar. Esta actuación baséase na creación dun espazo conxunto destinado ao establecemento de emprendedores, previamente seleccionados, que aportarán proxectos “de previsible valor para a sociedade”.
Segundo fixeron saber Baltar e Bayón, a finalidade do coworking é fomentar o emprendemento e aumentar a probabilidade de éxito dos proxectos dos emprendedores nun período limitado de tempo, “identificando aqueles con maior potencial de desenvolvemento”. Unha vez rematada cada convocatoria o obxectivo é que os proxectos dos emprendedores que conten con maior probabilidade de éxito “poidan incorporarse en aceleradoras que cubran a seguinte fase de desenvolvemento dos proxectos”.
O proxecto abrangue a realización de catro convocatorias cunha duración cada unha delas de 5 meses, dando cabida en cada edición a un mínimo de 16 e un máximo de 22 proxectos de emprendedores. En cada proxecto seleccionado participará un mínimo de 1 persoa e un máximo de 3, que serán os beneficiarios finais da operación.
Como dixemos, durante o período de vixencia de cada edición fornecerase un espazo aberto con conexión Wi-FI e eléctrica no que os emprendedores terán a oportunidade de traballar conxuntamente. O espazo contará ademais cun servizo de coordinación para apoio aos emprendedores, e haberá espazos de formación e reunións para os procesos de tutela. Para dar a coñecer este proxecto realizarase unha convocatoria pública de cada unha das edicións. A selección levarse a cabo entre as candidaturas presentadas no formato que se determine en cada caso.
Durante o período de cada edición realizaranse 12 obradoiros de formación de 5 horas cada un (en total 60 horas).
Pulo á innovación en Ourense cun novo espazo de coworking
Compartir Este Artigo

