A firma Quelqum, con sede en Santiago e especializada en formación avanzada para o emprego, vai impartir para a Cámara de Comercio local o obradoiro Como crear a web corporativa da túa empresa da maneira máis doada e práctica a través de WordPress (dispoñible nos seus detalles en formato PDF). O obxectivo do curso é acadar que os alumnos, ao rematar a actividade, sexan quen de crear unha páxina web, xa sexa un caderno dixital, unha revista en liña ou unha web corporativa, e todo empregando a ferramenta-plataforma WordPress, sistema libre para a xestión de blogs. O curso abranguerá 20 horas de formación. Impartirase na sede da Cámara de Comercio de Santiago, do 22 de febreiro ao 4 de marzo (horario de 20.00 a 22 horas).
O programa do obradoiro inclúe unha introdución aos sistemas de creación e mantemento de webs (como funciona unha páxina, dominios, hospedaxe, tipos de arquivos que forman un sitio en liña, xestores de contido), unha introdución a WordPress, un módulo sobre os temas do dito xestor de blogs (como elixir un tema, instalación de temas), un cuarto bloque sobre plugins de WordPress e unha última parte adicada á publicación de contidos.
O obradoiro diríxese sobre todo a empresarios, emprendedores e traballadores en activo ou “a calquera persoa interesada na creación dunha web ou un blog e en autoxestionalos”. Segundo avanza a Cámara, non é preciso contarmos con coñecementos técnicos previos, xa que non se tratarán aspectos de programación durante o curso.
Quelqum amosa en Santiago como pór en marcha e xestionar a nosa web ou blog
Compartir Este Artigo

