A ferramenta EucaTool é unha aplicación de balde que está aloxada na nube e que inclúe entre as súas funcionalidades amosar os modelos de medre e produción de plantación de eucaliptos. Ou sexa, que ten potencial para estimar a produción de plantacións en Galicia e a cornixa cantábrica. A ferramenta vén da man do enxeñeiro de Montes Juan Daniel García Villabrille, investigador asturiano ligado arestora á Escola Politécnica Superior de Lugo. Na aplicación amósanse todos os parámetros e os resultados recollidos na tese de doutoramento Modelización do crecemento e a produción de plantacións de Eucalyptus globulus Labill. No Noroeste de España, que presentou o ano pasado Juan Daniel na EPS do Campus de Lugo.
O traballo foi dirixido polos profesores da USC Alberto Rojo e Ulises Diéguez, así como polo tamén investigador na EPS Felipe Crecente. A tese presenta un modelo de crecemento e produción para rodais da especie destinados principalmente á produción de celulosa. Na aplicación resultante tamén colaborou a empresa VSonCloud.
Segundo reflicte dende a súa web a Plataforma SINC, EucaTool ofrece a posibilidade de calcular de maneira “moi sinxela” o volume e a biomasa destas plantacións. En palabras do profesor Alberto Rojo, un dos co-autores do traballo, a aplicación “vai dirixida fundamentalmente a propietarios, empresas e xestores forestais de Galicia e a cornixa cantábrica, que a poderán utilizar para, por exemplo, vender mellor a madeira sabendo o volume que teñen e o momento óptimo da curta”. Tamén, sinala Rojo, ten un gran potencial para investigadores, profesores e estudantes, que a poderán usar en actividades científicas e docentes.
O enxeñeiro explica que a ferramenta “integra e aplica un modelo dinámico de crecemento e produción elaborado a partir de medicións dunha rede de 128 parcelas repartidas por toda a área de distribución da especie en Galicia, así como da análise de 87 árbores tipo cortados, tallados e medidos”. Este modelo foi desenvolvido polo enxeñeiro de montes Juan Daniel García-Villabrille. A aplicación está dispoñible para calquera dispositivo: computador, tableta ou smartphone. Foi programada en Visual Studio Web Express, tirando partido da tecnoloxía MVC, así como das linguaxes C# e XML, Razor, HTML, Javascript e CSS. O seu desenvolvemento foi realizado pola empresa VSonCloud, nova firma da USC creada por Rojo e outros integrantes do seu equipo de investigación da Unidade de Xestión Forestal Sustentable en 2014.
Entre os plans do equipo está organizar este ano xornadas de divulgación e de uso práctico da ferramenta para o cálculo do volume, biomasa, crecemento e produción das plantacións de Eucalyptus globulus en Galicia, dirixidas a técnicos forestais da administración galega e a propietarios particulares das zonas de distribución da especie.
A aplicación EucaTool, na nube e para todo tipo de dispositivos
Compartir Este Artigo

