A Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo avanza a grande paso cara o desenvolvemento da constelación HumSAT ao establecer unha conexión coa base antártica Gabriel de Castilla, dende onde se reciben datos meteorolóxicos diarios na estación de seguimento do Campus de Vigo. Na última semana de xaneiro, científicos do proxecto Permathermal da Universidade de Alcalá, que están a participar na Campaña Antártica, instalaron unha estación meteorolóxica deseñada polos investigadores vigueses na lomba JB de Illa Decepción que recolle e almacena datos de velocidade e dirección do vento, temperatura e precipitación para despois seren transmitidos polo satélite SERPENS (Sistema Espacial para Realizaçao de Pesquisas e Experimentos com Nanossatélites) e descargados en Vigo.
Como explica o director da Agrupación Aeroespacial, Fernando Aguado, “os datos xerados pola estación meteorolóxica in situ están sendo comunicados a Vigo utilizando o sistema HumSAT”, ao cal pertence o satélite SERPENS, impulsado pola Axencia Espacial Brasileira e segundo da constelación tras o Humsat-D.
Cómpre subliñar que tanto a carga útil do satélite como a plataforma empregada para esta proba piloto foron desenvolvidas na Universidade de Vigo.
A plataforma autónoma de recollida e almacenamento de datos científicos foi despregada na base antártica española Gabriel de Castilla co apoio do buque Hespérides e das súas dotacións dirixidas polo Comandante Alberto Salas e coa axuda dos investigadores Miguel Ángel de Pablo e Manuel Prieto, da Universidade de Alcalá. Dende a súa actual localización transmite diariamente información das condicións meteorolóxicas antárticas que se pode consultar en Vigo grazas ao sistema HumSAT. Para os enxeñeiros da Universidade “esta experiencia pon de relevo a capacidade do SERPENS, e o sistema HumSAT en xeral para achegar un servizo de grande utilidade en áreas remotas ao longo de todo o planeta”.
O SERPENS foi posto en órbita en agosto dende a Estación Espacial Internacional e, dada a escasa altura da órbita na que foi inxectado, está prevista a súa reentrada dentro dun mes. O satélite é o terceiro cubesat lanzado e operado pola Universidade de Vigo e forma parte do proxecto Humsat, que ten como obxectivo colocar en órbita unha constelación de satélites deste tipo e o despregue dunha rede de sensores de terra coa finalidade de ofrecer un servizo de carácter humanitario, por exemplo, na xestión de catástrofes naturais ou no seguimento do cambio climático. Por este tipo de utilidades é polo que o sistema está especialmente deseñado para zonas con pouca ou nula cobertura eléctrica ou móbil.
A UVigo transmite datos meteorolóxicos da Antártida mediante o satélite SERPENS
Compartir Este Artigo

