Imatia Innovation organiza este sábado 27, na Coruña, a primeira edición do evento I´m Innovation Challenge. Trátase, en palabras da dita empresa galega, dunha iniciativa directamente encamiñada a fomentar e amosar a creatividade e a innovación dos nosos estudantes. O evento, no que tamén colabora a Facultade de Informática da Coruña, xorde “do máis profundo compromiso” de Imatia Innovation coas universidades galegas. Máis en detalle, consiste no desenvolvemento dun proxecto en grupos de dous alumnos, pertencentes á materia de Recuperación de Información e Web Semántica (RIWS).
Cada equipo presentará o seu proxecto nunha exposición oral de 15 minutos perante un xurado formado por representantes de Imatia e persoal docente da Facultade de Informática. Tralas presentacións e a deliberación do xurado procederase á entrega do premio. Aos gañadores concederáselles unha bolsa de prácticas remuneradas en Imatia; ademais de agasallalos cunha tarxeta regalo por valor de 500 euros.
O evento comezará ás 10 horas e desenvolverase ata as 14.30 horas do sábado. Celebrarase na aula do MUEI, Máster Universitario en Enxeñaría Informática, no Edificio de Área Científica da Facultade de Informática da Universidade da Coruña.
Imatia celebra este sábado na FIC o desafío para estudantes Innovation Challenge
Compartir Este Artigo

