A Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense (UVigo) acolleu onte a sinatura do convenio (UVigo-Viewnext) para a creación da Cátedra Viewnext, unha iniciativa para fomentar o talento tecnolóxico e o compromiso da comunidade de estudantes e investigadores “co fin de contribuír a crear unha sociedade mellor”. Máis polo miúdo, preténdese con esta cátedra establecer máis e mellores pontes co tecido empresarial en materia de subministro de talento ao tempo que se optimizan as opcións das licenciadas e licenciados no mercado laboral. A maiores, buscarase xerar máis traballo colaborativo nos ámbitos da investigación e a formación. Na presentación da cátedra participaron o reitor Salustiano Mato e máis José Manuel Brandeiro, director xeral de Viewnext, única entidade de servizos de xestión e desenvolvemento de aplicacións do grupo IBM en España, que conta con máis de 4.100 profesionais e oito centros de innovación.
Segundo explicou o director xeral de Viewnext, esta naceu da integración da área de Application Management Services de IBM Global Services en INSA. A empresa conta en Ourense (dende 2008) cun Centro de Innovación Tecnolóxica (CENIT), dirixido por Alberto Diz, presente tamén no acto de sinatura xunto a Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense, e Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática. Brandeiro tamén fixo saber que o devandito centro ten arestora 150 empregados e dá servizos a entidades como La Caixa, Banco Popular e Inditex, tendo capacidade, engadiu, para medrar máis e chegar aos 220 traballadores. “Nada nos gustaría máis que enchelo”, recalcou o directivo, que por certo ten raizames na nosa terra. “Os centros de innovación como o existente en Ourense”, sinalou, “están altamente cualificados para producir para o mercado estatal e internacional software e produtos e servizos informáticos, converténdose en focos moi destacados de I+D+i nas zonas onde se emprazan e contribuíndo á retención de talento local”. Desde estes centros, lembrou, préstase servizos a máis de 400 clientes, empresas de diversos sectores entre as que están entidades financeiras (Grupo Santander, Barclays ou Banco Popular); compañías do sector das telecomunicacións (Vodafone, Telefónica ou Orange), eléctrico (Iberdrola) e distribución (El Corte Inglés, Carrefour ou Calidad Pascual) e as administracións públicas (Seguridad Social), entre outras.
Os principais obxectivos da Cátedra Viewnext será promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario; mellorar a súa capacitación; ampliar ou actualizar os coñecementos, técnicas ou habilidades dos membros da comunidade universitaria e outros profesionais para adaptalos ás necesidades da empresa e fomentar a formación continua, a innovación e a investigación. Ao abeiro deste obxectivo xenérico, as actividades a desenvolver centraranse en cinco liñas de actuación. A primeira delas será a creación dun programa de captación de talento, cuxa finalidade será a incorporación á empresa de alumnado da Universidade de Vigo cun bo expediente académico, con capacidade de innovación e que acredite un bo nivel de inglés.
O convenio tamén abrangue a posta en marcha de actividades formativas que teñan por obxecto a capacitación, especialización e actualización de competencias de membros da comunidade universitaria e profesionais alleos á mesma atendendo ás necesidades competitivas da empresa. Tamén se impulsará un sistema de bolsas de prácticas por períodos máximos de seis meses para o alumnado ou titulados recentemente da Universidade de Vigo; a organización de congresos, xornadas, conferencias, seminarios ou foros e a promoción da publicación de estudos ou traballos científicos ou de divulgación nos ámbitos de estudos propios desta cátedra. Para a execución e seguimento do convenio constituirase unha comisión mixta de carácter paritario entre as dúas partes.
A UVigo e Viewnext impulsan en Ourense unha iniciativa conxunta a prol do talento tecnolóxico
Compartir Este Artigo

