
Por unha banda, iCoopera daba a oportunidade ás entidades participantes para crear ou redeseñar de balde a súa imaxe corporativa. Pola outra, ofrecía a posibilidade de implantar ou redeseñar páxinas web e redes sociais, como medios para contactar co público potencial para os seus produtos e servizos.
A maiores, ao seu abeiro elaboráronse 44 estratexias de mercadotecnia en Internet eprestouse apoio ao desenvolvemento e implantación de aplicacións de xestión baseadas en software libre para sete cooperativas.
Na presentación, membros de dúas das entidades que se beneficiaron do programa contaron os resultados obtidos nas súas cooperativas. José Cuadrado, da cooperativa agroalimentaria Terras da Mariña, valorou “positivamente” a presenza activa en redes sociais e salientou que esta presenza foi decisiva para dar a coñecer os seus produtos e acadar clientes; Rosana Francisco, de Seisporoito, especializada na ensinanza musical, incidiu nas facilidades que supuxo contar cunha páxina web para a xestión de alumnos e a difusión de actividades entre o público xeral.
Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego, destacou que o programa iCoopera contribuíu a outras estratexias da Consellería de Economía, Emprego e Industria, coma o Plan Estratéxico para o Cooperativismo, que xa apuntaba á necesidade de impulsar “a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación para favorecer a creación de proxectos de cooperación e intercambio de experiencias e coñecementos entre axentes do Sistema Galego de Innovación”.
Co fin de amosar casos de éxito en aplicación de redes de intercooperación nos procesos de traballo e nos resultados das cooperativas, Marián Fernández presentou a experiencia do Cable Inglés na organización de eventos de carácter cultural, en conxunto coa cooperativa vitivinícola Martín Códax, e Celso Gándara, da consultoría e asesoría Algalia, afondou nas vantaxes obtidas da cooperación con diversas entidades para intercambiar coñecementos e perfeccionar os servizos ofrecidos aos seus clientes.
Case un cento de cooperativas galegas participaron no programa iCoopera de afianzamento das TIC
Compartir Este Artigo

