O portal de Xustiza, que este ano acubillará a sede xudicial electrónica, vén de ser obxecto dunha importante serie de remodelacións. Os traballos de renovación, relativos en parte ao deseño e á ampliación de servizos, viñeron da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. A finalidade da iniciativa foi “consolidar exustiza.gal como canle de comunicación na rede entre os cidadáns, os profesionais e a Xustiza”. Asemade, a plataforma incorporouse ao dominio galego puntogal. Como novidades específicas, engadiu un apartado para a mediación familiar intraxudicial, un directorio de colexios profesionais, o censo xeral de letrados, o calendario de gardas e o servizo de verificación de documentos.
Respecto ao cambio de deseño e ao novo artellado dos contidos, os traballos encamiñáronse en boa medida a facer a navegación o máis doada posible. Dito doutro xeito: calquera cidadán que queira informarse sobre un trámite que facer ou unha porta á que chamar terá que percorrer o camiño en moito menos tempo e con moitos menos atrancos. “O cidadán que acceda a exustiza.gal”, informou AMTEGA a conto desta remodelación, “poderá coñecer de xeito sinxelo cales son os seus dereitos e deberes antes a Xustiza, quen e como pode acollerse a asistencia xurídica gratuíta ou como funciona o servizo de atención á vítima e á cidadanía”. Ademais, engade a axencia, os internautas que teñan que participar nun procedemento xudicial atoparán “unha explicación detallada de como funciona o xurado (requisitos, participación, retribucións e indemnizacións) e cales son os dereitos, obrigas e indemnizacións das testemuñas”. Por certo que o portal será máis que nunca un portal vivo, o que implica, entre outras cousas, que irá engadindo de xeito progresivo máis información e ampliando contidos xa existentes.
A web eXustiza incorpora un completo directorio de órganos xudiciais, no que se poden atopar 323 edificios e 696 órganos xudiciais en Galicia: xulgados, rexistros civís, fiscalías, oficinas de atención ao cidadán e as vítimas e outros órganos e servizos localizados no mapa e con todos os datos de contacto. Tamén acubilla información sobre os servizos que ofrece a Administración de Xustiza, con explicación de como son os procedementos e formularios para a súa descarga. Segundo lembra AMTEGA, no caso do Rexistro civil pódese atopar a información e documentación relacionada con nacementos, defuncións, matrimonios, nacionalidade e outras certificacións. Tamén se atopa a información sobre a inscrición no rexistro de parellas de feito.
O portal eXustiza gaña en accesibilidade e contidos
Compartir Este Artigo

