
Durante o mes de febreiro a Audiencia Provincial de Pontevedra acolleu a pilotaxe do visor, unha solución multidispositivo, que permitirá aos profesionais da Administración de Xustiza acceder á información do expediente xudicial en formato electrónico, convenientemente ordenada e catalogada.
O visor, ao que se accede mediante certificado dixital, permite o acceso á información dos expedientes xudiciais electrónicos relacionados con cada profesional con totais garantías de seguridade. Dispón dun buscador avanzado que facilita as buscas, filtrándoas en función das diferentes características dos procedementos ou documentos. Unha vez seleccionado o expediente o visor permite consultar os procedementos, pezas e documentos que o conforman.
A ferramenta garante a accesibilidade á información en todo momento, evitando o traslado físico da documentación, coas vantaxes de axilidade, eficiencia e seguridade que iso supón. O visor irá incorporando novas funcionalidades, progresivamente, como unha axenda xudicial persoal ou o módulo de alarmas para o apoio á actividade do persoal ao servizo da Administración de Xustiza.
O visor é unha das pezas chave do Expediente Xudicial Electrónico, xunto co sistema de Xestión de Arquivos físicos e pezas de convicción, que se está a probar en Ourense e a sede electrónica xudicial, que se porá en marcha este ano.
O proceso de implantación do Expediente Xudicial Electrónico vai acompañado da dotación de equipamento. Estanse a distribuír 100 portátiles e 290 equipos de sobremesa para axustar os postos de traballo ao novo escenario dixital.
O visor do expediente xudicial electrónico estenderase ás sedes xudiciais galegas ao longo do presente ano
Compartir Este Artigo

