Amais dos datos sobre o uso recente do tradutor Gaio, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) achegou estes días información actualizada sobre a actividade da aplicación da axenda de cultura da Administración autonómica, dispoñible para dispositivos con sistemas operativos iOS e Android. Segundo fai saber o organismo que dirixe Mar Pereira, preto dun milleiro de galegas e galegos consultan decote os eventos e as actividades culturais nos seus dispositivos móbiles grazas á devandita ferramenta, lanzada man a man, o pasado mes de novembro, coa Conselleira de Cultura (de feito é unha xanela nos dispositivos de todas actividades que se publican no portal cultura.gal).
En total, preto de dez organismos da Xunta colaboran no fornecemento de contidos a Axenda: as Secretarías Xerais de Cultura e de Política Lingüística, a Axencia Turismo de Galicia, a Axencia Galega de Industrias Culturais, o Centro Galego de Artes da Imaxe, Museos de Galicia, Arquivos de Galicia, a Rede de Bibliotecas de Galicia e a Fundación Cidade da Cultura.
A aplicación, por certo, fai a número dezanove das aplicacións móbiles lanzadas pola Administración autonómica nos últimos catro anos para diferentes sistemas operativos: Android, iOS, Windows Phone e Blackberry. Está dispoñible no espazo Xunta, onde se publican o resto de aplicacións do sector público galego nos dispositivos móbiles, baixo a coordinación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Un milleiro de internautas descargaron a app de cultura nestes tres meses
Compartir Este Artigo

