A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, presentou esta mañá o Portal de Transparencia e Goberno Aberto, que botou a andar hoxe, coincidindo coa entrada en vigor da Lei de transparencia e bo goberno, e que busca converterse nun “punto único, directo e centralizado” de toda a información que deba facerse pública á cidadanía, de acordo coa nova normativa básica de transparencia e coa lei aprobada a este respecto polo Goberno galego.
Nace coa finalidade de ser “unha ferramenta viva e dinámica cunha vocación de mellora permanente” e de fomento da participación da cidadanía nos asuntos públicos e que, precisamente por iso, irase incorporando nel aquela información pública que solicite con maior frecuencia a cidadanía.
O Portal é unha ferramenta transversal a todos os departamentos da Xunta de Galicia e estará coordinado pola Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, que foi a encargada de do seu desenvolvemento xunto coa AMTEGA, e goza dun sistema de navegación que pretende facilitar a procura de información por parte dos cidadáns de xeito sinxelo, xa que se organiza en torno a conceptos que lle poden resultar próximos e relacionados entre eles.
A partir de hoxe facilitarase un acceso sinxelo e directo a contido que antes se publicaba pero estaba disperso (como a normativa en tramitación, as circulares e instrucións de interpretación de normativa, os efectivos de persoal público e as retribucións, perfís e declaracións de actividades dos altos cargos) e o novo Portal tamén incorpora contido propio e inédito (como é o caso da relación dos bens inmobles propiedade da Xunta, a conta xeral da Comunidade, a información das viaxes dos altos cargos ou as súas declaracións de bens patrimoniais no momento de toma de posesión e cese).
Catro bloques temáticos
Os contidos do Portal estrutúranse en catro bloques: A Transparencia, Temas, Solicitude de acceso á información pública e Outras organizacións.
O bloque A Transparencia incorpora contido divulgativo de carácter xeral sobre a transparencia, sobre os niveis alcanzados por Galicia nas enquisas internacionais de Transparencia e en relación a como se organiza o portal e o tipo de información que se poderá consultar nel.
O bloque Temas estrutura en 6 as temáticas sobre as que se poderá consultar e que se corresponden coas obrigas de publicidade activa: Participación e Relacións coa cidadanía; Transparencia institucional, organizativa e de planificación; Información de relevancia xurídica; Información económica, orzamentaria e estatística; Información en materia de persoal; e Ordenación do territorio e medio ambiente.
O bloque Solicitude de acceso á información pública incorpora toda a información necesaria para realizar unha solicitude e o acceso ao formulario desde o cal se pode presentar electronicamente ou proceder á súa descarga para a súa presentación presencial. Ademais incorpora tamén o acceso ao Valedor do Pobo configurado como órgano independente de control ao que lle corresponderá resolver as reclamacións fronte as resolucións en materia de acceso á información pública.
O último bloque, Outras organizacións, facilita o acceso ás páxinas de transparencia dos demais organismos, entidades e organizacións incluídas dentro do ámbito de aplicación da normativa de transparencia, así como a outras institucións públicas que desenvolveron nos últimos anos iniciativas en favor da transparencia e bo goberno.
Solicitude pública de información
Dende hoxe mesmo tamén existe a posibilidade de presentación electrónica a través do Portal de solicitudes de información pública á Xunta de Galicia, a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e no novo Portal de Transparencia e Goberno aberto, así como de xeito presencial ante calquera Oficina de Rexistro da Xunta de Galicia ou correo postal.

