Antonio Álvarez, graduado en Enxeñaría Informática da Universidade da Coruña e a día de hoxe estudante do Máster Universitario de Enxeñaría Informática (MUEI), vén de obter o premio Master the Mainframe, edición 2015, un recoñecemento que organiza cada ano IBM España e no que estudantes universitarios de todo o mundo teñen a posibilidade de adquirir experiencia e formación avanzada e amosar, tamén, o seu coñecemento e habilidades acerca dos sistemas mainframe de IBM. Estes, como recordaremos, son os elementos dunha arquitectura da compañía orientada principalmente a afrontar e solucionar procesos críticos dentro das grandes empresas.
O certame de IBM ten unha vertente estatal (con cada país participante seleccionando os seus representantes) e logo unha fase final a xeito de remate. IBM España decantouse precisamente polo estudante da UDC, e o premio Master the Mainframe así o certifica. Previamente, logo de presentarse ao concurso, tivo que ir superando diferentes probas ao longo dun período de tres meses. A entrega do recoñecemento celebrouse o pasado 4 de marzo durante o evento IBM z Sytems redefine o negocio dixital. Os representantes da división española da multinacional salientaron a capacidade de Antonio Álvarez (Vigo, 1992) para tirar abaixo calquera límite ou atranco que puidera ter a investigación avanzada do ámbito mainframe. Agora, o estudante galego terá que afrontar en datas vindeiras a súa concorrencia na fase mundial do certame, na que competirá cos gañadores dos restantes países participantes.
O galego Antonio Álvarez obtén o premio Master the Mainframe que concede IBM España
Compartir Este Artigo

