O pasado 7 de marzo poñíase en marcha o Portal de Transparencia e Goberno Aberto, unha iniciativa da Administración autonómica destinada a achegar “un punto único, directo e centralizado” de toda a información que deba facerse pública na nosa terra perante a cidadanía. O portal, presentado como “unha ferramenta viva e dinámica con arela de acoller melloras continuadas”, vén de chegar á súa primeira semana da “vida” coas seguintes cifras: 4.548 visitas e 61.000 páxinas vistas, na súa meirande parte relacionadas cos altos cargos do Goberno, as retribucións, a contratación pública e as entidades instrumentais.
Como lembraremos, o portal pretende facilitar a procura de información por parte dos cidadáns “a través dunha experiencia de navegación máis sinxela, intuitiva e directa”, sinalou no día da presentación a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto. Asemade, explicou que os contidos do Portal estrutúranse en catro bloques (A Transparencia, Temas, Solicitude de acceso á información pública e Outras organizacións) e que se dirixe, tamén, a unificar e centralizar e artellar axeitadamente o que ata o de agora ficaba disperso e espallado. Así, fornece acceso directo a contidos como a normativa en tramitación, as circulares e instrucións de interpretación de normativa, os efectivos de persoal público e as retribucións, perfís e declaracións de actividades dos altos cargos.
Tamén achega información sobre a relación dos bens inmóbeis da Xunta, a conta xeral da Comunidade, a información das viaxes dos altos cargos ou as súas declaracións de bens patrimoniais no momento de toma de posesión e cese, por exemplo.
Ferramenta transversal
O Portal é unha ferramenta transversal a todos os departamentos da Xunta de Galicia e está coordinado pola Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, que foi a encargada de do seu desenvolvemento xunto coa AMTEGA (Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia), e goza dun sistema de navegación que pretende “facilitar a procura de información por parte dos cidadáns de xeito sinxelo, xa que se organiza en torno a conceptos que lle poden resultar próximos e relacionados entre eles”, engadiu Prieto na presentación.
O Portal da Transparencia acadou 4.500 visitas dende o pasado luns
Compartir Este Artigo

