Telefónica anunciou onte que, no seu camiño por botarlle unha man ás PEME (contribuíndo a mellorar a súa produtividade), achegará por unha banda máis tecnoloxía na nube de Sage e, pola outra, o dispositivo Samsung Galaxy TabPro S, un aparello “dous nun” que inclúe sistema operativo Windows 10 Pro de Microsoft e conectividade 4G e que a operadora española fornecerá antes cá competencia. Segundo informa a operadora, a nova tecnoloxía na nube de Sage materialízase, de cara aos clientes de seu, no servizo Go To Cloud.
“Esta”, sinala Telefónica, “é a proposta de Movistar para axudar ás PEME a dar resposta ás súas necesidades a través de servizos da nube”. O obxectivo da compañía é facilitar ás empresas a evolución cara esta tecnoloxía “de maneira sinxela e accesible”, cunha gama de servizos acaida para as demandas de cada negocio, “adaptándose ao seu tamaño e ao seu perfil TIC”.
Entre as novidades que acubilla Go To Cloud figura unha nova gama de aplicacións de negocio. A este respecto Telefónica engadiu as ferramentas de xestións á oferta de servizos na nube para as PEME, “dando así solución ás demandas principais de mercado”. Isto acádase, da man da Sage, coa aplicación de ContaPlus Elite Flex, ferramenta de contabilidade e xestión moi empregada a día de hoxe polas PEME estatais e que se ofrece agora desde a nube de Telefónica. Esta aplicación únese a Sage One, solución de facturación para pequenas empresas e autónomos, xa comercializada por Movistar.
Como dixemos, Movistar amplía esta proposta incorporando un novo dispositivo “dous nun”, o Samsung Galaxy TabPro S, un equipo híbrido que, en palabras da operadora, “cingue as vantaxes e lixeireza dunha tableta coa potencia dun PC”. Conta cunha pantalla “SuperAMOLED” de 12 polgadas, sistema operativo Windows 10 Pro e conectividade 4G. Ademais, integra de serie unha funda de protección con teclado incorporado. Este dispositivo súmase á gama de “dúas nun” de Go To Cloud para mellorar a produtividade dos profesionais que traballan en mobilidade. Movistar presentará o novo equipo aos seus clientes de PEME o día 26 de abril na Telefónica Flagship Store da Gran Vía de Madrid.
Telefónica impulsa o traballo na nube das PEME con Go To Cloud
Compartir Este Artigo

