O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) vén de lanzar unha aplicación de balde para tirarlle o máximo partido ao GPS dos nosos dispositivos, sobre todo se temos en mente botarnos ao medio natural para facer ciclismo, correr ou practicar esquí. En palabras dos responsables da ferramenta trátase, máis en detalle, “dunha ferramenta para ir máis lonxe que coas rutas habituais do sistema de posicionamento por Satélite”. Coñécese como Mapas de España IGN e podémola ver xa para Android en Gogole Play. Entre outras cousas, descarga no noso dispositivo todos os mapas xeográficos do territorio estatal.
Segundo informa os usuarios que xa lle están a tirar proveito, o número de mapas que acubilla é “enorme”, polo que se brinda a opción de descargarmos só os das zonas xeográficas que nos interesen, ou ben navegar en liña polos propios mapas.
A cartografía vai desde a escala do mapa de España 1:1.250.000 ata mapas topográficos de escala 1:25.000, que son moi axeitados para a práctica do sendeirismo e para o coñecemento lúdico do medio rural e natural (deportes, excursións, actividades de divulgación). Os datos xeográficos que xera o IGN son abertos e de difusión pública por Orde Ministerial FOM/2807/2015 (BOE do 26 decembro de 2015) relativa á función do instituto.
A aplicación móbil abrangue unha oferta de rutas polos Parques Nacionais e ten dispoñible, tamén, todo o relativo ao Camiño de Santiago. Asemade, deixa marxe para cargarmos as nosas propias rutas. A ferramenta, baseada en OruxMaps, aínda non está accesible para iOS. Iso si, os mapas son compatibles para todo tipo de dispositivos GPS de sendeirismo, tanto para Android como para iOS.
Dispoñible unha aplicación que nos dá acceso a todos os mapas topográficos estatais
Compartir Este Artigo

