
Á sesión informativa desta mañá no CIS Galicia asistiron representantes de PEME de toda a comunidade de diversos sectores, desde os altamente tecnolóxicos ata os tradicionais, ante os que o director de GAIN aproveitou para presentar a colaboración CESGA-CIS Galicia-CIS Madeira como unha aposta segura polo incremento da competitividade “botando man das únicas ferramentas que abren hoxe en día as portas do mercado global: o coñecemento, a tecnoloxía e a orientación a solucionar problemas que poden marcar a diferenza sobre a competencia”.
O proxecto Fortissimo, que celebrou a súa primeira edición en 2013, vén de abrir unha nova convocatoria de proxectos cun orzamento total de 1,3 millóns de euros. As propostas aprobadas darán lugar a experimentos nos que participarán PEME e centros tecnolóxicos de toda Europa, nunha dinámica de innovación aberta. No marco desta segunda edición puxéronse en marcha 14 experimentos, algúns deles coa participación, ademais do CESGA, de Aimen, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e de empresas galegas.
A simulación, a modelización numérica e a análise de grandes volumes de datos son tecnoloxías estreitamente ligadas á fábrica intelixente e, en xeral, á industria do futuro, denominada Industria 4.0. O seu uso require dunha gran capacidade de computación e de ferramentas de software especializado e servizos expertos aos que as PEME adoitan ter dificultades de acceso. “O obxectivo de Fortissimo é mellorar esta situación, que é extensiva á inmensa maioría das empresas galegas, abrindo para elas o maletín de ferramentas e o coñecemento que as grandes compañías teñen ao alcance da súa man”, expuxo Varela, que insistiu en que “as opcións de gañar calquera partido pasan por xogar en igualdade de condicións, coas mesmas botas e no mesmo céspede”, nun paralelismo coa tecnoloxía avanzada e o mercado.
O CESGA, como nodo español do proxecto, está a disposición das PEME, sobre todo das galegas, para participar nel. Como centro de supercomputación de altas prestacións, pode proporcionar os recursos de computación e big data necesarios para propoñer experimentos, ademais de asistencia especializada na preparación das propostas. Tamén ten capacidade para participar nos proxectos en calidade de socio e para apoiar as PEME na formación dos consorcios máis adecuados para o experimento que propoñen.
O CIS Madeira, enmarcado dentro da Axencia Galega de Innovación, traballa tamén con diversas PEME do sector da madeira de Galicia para a definición de experimentos para a presentación de propostas na convocatoria aberta de Fortissimo 2. As inquietudes empresariais abranguen desde a implementación de simulación do proceso de secado de madeira, onde se busca a optimización dos tempos de secado e a mellora da eficiencia enerxética do proceso, ata a mellora do coñecemento dos procesos de fabricación de produtos derivados da madeira e a optimización da loxística de aprovisionamento de materia prima.
GAIN anima ás PEME a tirar proveito da supercomputación para gañar competitividade
Compartir Este Artigo

