A semana pasada o Campus de Ourense acolleu unha xuntanza arredor do proxecto Destinos Turísticos Intelixentes. Nela participaron o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e un importante número de científicos e investigadores referenciais do ámbito estatal, entre os que se atopaban algúns dos principais responsables do dito proxecto. Como lembraremos, na cita o presidente ourensán propuxo aos expertos reunidos ampliar o estudo que están a realizar para que a marca abranga non só localidades concretas senón que acubille “todo o territorio provincial e incorpore o concepto de provincia intelixente” que está a promover a institución galega. Segundo informa agora a Deputación, o Goberno xa confirmou a Baltar que Ourense será a primeira provincia coa denominación Destino Turístico Intelixente.
Como lembraremos, esta distinción smart é unha iniciativa impulsada pola entidade estatal SEGITTUR para aplicar os últimos avances tecnolóxicos da xestión, da xeolocalización e do posicionamento na procura de novas metodoloxías que fortalezan a capacidade de atracción de viaxeiros das contornas estatais. Búscase polo tanto “crear servizos diferenciais e altamente competitivos con base na tecnoloxía aplicada ao turismo”.
A devandita confirmación do Goberno veu da man do presidente da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (SEGITTUR), Antonio López de Ávila, quen, na reunión que mantivo os días pasados con Baltar no Pazo Provincial salientou “o labor de vangarda” da Deputación galega “coa posta en marcha de iniciativas innovadoras aplicadas á xestión turística, máis polo miúdo no ámbito do termalismo social e deportivo que se traducen en promoción e competitividade para a provincia”, informou López de Ávila.
O presidente de SEGITTUR destacou o proxecto de Provincia Intelixente ourensán, cualificándoo de “innovador e moi relevante para visualizar perante o mundo este territorio”.
López de Ávila confirmou tamén a Manuel Baltar que Ourense será a primeira provincia de España que se incorporará aos programas de Turismo Senior de Europa (Europe Senior Tourism), que xestiona o Goberno de España. “Este programa de viaxes”, dixo, “é unha iniciativa pioneira no ámbito internacional dirixida a persoas europeas de máis de 55 anos que queiran gozar dunhas vacacións compartindo experiencias”. A oferta abrangue gastronomía, natureza, lecer e cultura e nela participan destinos e establecementos, “pero nunca ata o de agora”, lembra a Deputación, “unha provincia fora homologada para integrarse neste proxecto”.
A provincia de Ourense será Destino Turístico Intelixente
Compartir Este Artigo

