Vitae Consultores vai achegar os días vindeiros a segunda edición dunha actividade formativa destinada a fortalecer a nosa capacidade para obter as meirandes sinxeleza e facilidade de uso nas nosas propostas web. O curso Experiencia de Usuario -UX- e Usabilidade en Proxectos Web e eCommerce (formato PDF) desenvolverase en Vigo ao longo de 20 horas de formación. Neste obradoiro, sinala Vitae, aprenderemos a deseñar e programar estratexias de usabilidade mediante metodoloxías, técnicas e ferramentas que nos axuden a cumprir coas expectativas dos nosos usuarios.
O curso levarase a cabo os vindeiros 22, 23, 29 e 30 de abril (venres tarde e sábados pola mañá). A actividade, máis polo miúdo, abranguerá estratexias en proxectos web e en proxectos de mobilidade “cun enfoque eminentemente práctico”. Os obxectivos son introducirnos na importancia da definición global dunha iniciativa web dende o punto de vista do usuario, amais de subministrar metodoloxías para lograr cubrir as expectativas e as necesidades dos visitantes. Por outra banda, amosaranse as peculiaridades especiais dos proxectos de comercio electrónico.
O obradoiro está dirixido a programadores, consultores, analistas, xefes de proxecto, responsables de comunidades en liña (community managers), técnicos en mercadotecnia, deseñadores dixitais, etc. Por contidos, achegaranse (entre outras moitas cousas) técnicas para coñecer en entender aos nosos usuarios (os seus perfís e as súas demandas), información avanzada sobre a temática da experiencia do usuario (atendendo tamén ás particularidades nos diferentes dispositivos) e recursos sobre as principais vantaxes do proceso de “prototipado” e as súas distintas fases.
O encargado de impartir o curso será Pablo López, grao en Enxeñaría de Sistemas de Telecomunicación e especialista en usabilidade e accesibilidade web. A día de hoxe é xerente e director de proxectos web e móbil e consultor en comercio electrónico na firma Hacce Conversion & Design.
Vitae Consultores achéganos ás metodoloxías para acadar a máxima usabilidade web
Compartir Este Artigo

