Microsoft está a comunicar unha nova promoción a través da que ofrece de balde aos compradores dun smartphone Lumia 950 e Lumia 950 XL unha subscrición de 1 ano a Office 365 Personal, o que facilita o acceso á última versión de Office para 1 ordenador (Mac ou PC), 1 tableta e 1 smartphone, a posibilidade de tirar proveito da edición de documentos no smartphone cunha pantalla externa empregando Continuum e tamén 1 TB de almacenamento adicional en OneDrive.
Estamos ante unha promoción moi interesante, que en numerosas ocasións inclúese coa compra de ordenadores novos, pero que desta volta agochou certa sorpresa, xa que parece que non se está a aplicar unicamente a compradores dos Lumia de alta gama, senón que practicamente calquera usuario que visita determinada ligazón pode ver como se engade á súa cesta da compra na tenda en liña de Microsoft unha subscrición de un ano a Office 365, valorada en 69 euros, podendo completar a compra sen problema, aínda que cómpre salientar que de xeito predeterminado a subscrición ten activada a súa renovación anual automática (que os non interesados en manter o servizo ao seu prezo oficial debería desactivar).
Temos aquí unha boa oportunidade para probar o servizo de Office 365 de balde, podendo así gozar do paquete ofimático máis popular do mercado (que podemos instalar en español para logo engadirlle o paquete de idioma en galego para gozar da aplicación na nosa lingua), así como do servizo de almacenamento na nube de Microsoft cunha capacidade de 1 TB que facilitará a adopción de novos hábitos de uso do almacenamento en liña.
Algúns usuarios están a indicar que a ligazón que permite facerse coa subscrición non lles funciona, pero parece que de xeito xeral pode empregarse por parte de usuarios españois que non tiveran canxeado previamente outra subscrición promocional a Office 365.
Unha promoción permite conseguir 1 ano de Office 365 de balde
Compartir Este Artigo
