
En que consiste o SADEP? Pois é un sistema que permite realizar un mantemento máis eficiente dun instrumento fundamental para o funcionamento dos vehículos ferroviarios: o pantógrafo. Este aparello é o encargado de transmitir a enerxía eléctrica ao vehículo a través do contacto dunhas pezas chamadas frotadores coa liña de alta tensión (ou catenaria). Segundo lembra Imatia, ata o de agora o mantemento dos pantógrafos levábase a cabo de maneira periódica, substituíndo as partes nas que se detectaba algún dano provocado polo desgaste ou por outros motivos. Con todo, en ocasións estas revisións non chegaban a tempo “debido a previsións erróneas nos períodos de mantemento, polo que se producían danos na infraestrutura das catenarias, co conseguinte custo derivado da súa reparación”, engade a empresa galega, que entraría en xogo coa tecnoloxía xusto neste punto.
O sistema de Imatia consta duns sensores situados nun pórtico de liña, estes tiran unha foto dos frotadores de maneira automática cada vez que o tren pasa baixo o devandito pórtico. Esta foto é analizada por un software de xeito case instantáneo, e envíase axiña ao centro de control de tráfico xunto a un completo informe de integridade, incluíndo numerosa información como a velocidade do tren ou as inclinacións do frotador, entre outras cousas. “Deste xeito”, explican dende Imatia, “pódense detectar os desgastes nos pantógrafos de maneira automática, sen pór en risco as infraestruturas”. Segundo engade a firma que dirixe Fernando Vázquez, director executivo da compañía galega, “este proxecto supón un fito na historia de Imatia, xa que se trata da súa primeira iniciativa no continente africano, e confiamos en que non será o derradeiro”.
Imatia mellorará o mantemento e a eficiencia de ferrocarrís en Marrocos
Compartir Este Artigo

