A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) están a convidar aos investigadores e empresarios da nosa terra a participaren coas súas achegas nos Premios de Transferencia de Tecnoloxía, edición 2016 (segunda convocatoria). De feito, lembran, o obxectivo dos galardóns é recoñecer o traballo das persoas que crean tecnoloxía e apostan por ela, tanto dende o público como dende o privado, dende o académico ou o corporativo, facendo o posible por incrementar as colaboracións e os fluxos de coñecemento entre uns ámbitos e outros (transferencia).
Os premios convócanse en tres modalidades. Por unha banda, o Premio ao mellor traballo de investigación aplicada, un galardón dotado de 6.000 euros netos, máis 4.000 para a formación dun membro do equipo nun centro de investigación de fóra de Galicia. Seleccionarase a achega que mellor represente a contribución dun traballo de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da transferencia dos seus resultados ao mercado. Por outra banda, o Premio ao mellor caso de éxito en PEME, co que se quere salientar o máis destacado caso de logro empresarial en materia de transferencia de tecnoloxías para pequenas e medianas empresas, dotado con 12.000 euros netos. O feixe de recoñecementos complétase co Premio ao caso de éxito en grandes empresas que, como o seu propio nome ben indica, distingue o exemplo máis sobranceiro de transferencia para grandes empresas, dotado con 6.000 euros para o grupo de investigación colaborador.
Por certo que o prazo para presentarmos candidaturas ficará aberto ata o 30 de xuño. A contía total dos galardóns é de 28.000 euros.
A RAGC e a GAIN colaboran de novo na organización deste certame baixo a premisa “de que a axeitada transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo é unha estratexia prioritaria a nivel global para incrementar o desenvolvemento socioeconómico de calquera territorio”. No caso de Galicia, engaden, “estes procesos veñen sendo impulsados con resultados que convén recoñecer a través de casos de éxito que sexan difundidos á cidadanía e sirvan como referencia inspiradora para investigadores e empresarios”.
A RAGC e GAIN queren visualizar ante o mundo o potencial en transferencia das nosas firmas e investigadores
Compartir Este Artigo

