Sarah Harmon, directora de LinkedIn para España e Portugal, estará os días vindeiros na nosa terra para falarnos da súa experiencia persoal á fronte da división peninsular da que sen dúbida é a rede social profesional de meirande importancia cuantitativa do mundo. O relatorio, organizado por APD (Asociación para o Progreso da Dirección) en colaboración co IGAPE, a Xunta, Nortempo e co apoio do Colexio Oficial/Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), celébrase o 27 de abril (quenda de mañá, Hotel Los Escudos) e a Coruña (quenda da tarde, Hotel Attica21). Toda a documentación que poidamos precisar sobre a cita con Harmon figura xa no documento en PDF específico de APD.
Sarah Harmon, como dixemos, está a fronte de LinkedIn en España e Portugal. Representa, polo tanto, a unha rede social que xuntaba recentemente no seu seo preto de 340 millóns de usuarios de todo mundo, ofrecéndolles servizos de base de datos para profesionais e comunidade 2.0. En España, a cifra é de máis de 6 millóns de internautas inscritos. Nas súas citas galegas, Harmon abordará cuestións como a transformación dixital xerada nos últimos anos nas empresas, unha transformación que por forza afecta e atinxe a todos os departamentos das corporacións, mesmo aos máis tradicionais e reticentes á adopción de novas tecnoloxías como ferramenta do día a día. Tamén afondará nas metodoloxías a seguir polas firmas para afianzarse da maneira máis eficaz posible na era dixital.
Cita na Coruña e Vigo coa directora de LinkedIn para España e Portugal, Sarah Harmon
Compartir Este Artigo

