O Centro Tecnolóxico Gradiant está estes días presente na IoT Week 2016 (31 maio- 2 xuño), que se celebra este ano en Belgrado (Serbia) baixo o lema IoT goes large scale BE A PART OF IT!, un evento adicado á creación de asociacións, de ecosistemas e de cadeas de valor para asegurar o despregamento rápido de solucións interoperables e replicables na contorna da IoT (Internet das Cousas). Esta conferencia ten como obxectivo vincular á comunidade investigadora e innovadora do eido dos obxectos conectados co sector empresarial.
Porase o foco sobre as novas oportunidades emerxentes e promoverase a cooperación en asuntos de importancia estratéxica, como os retos sociais e de mercado aos que a IoT se enfronta. Ao evento asisten entre 300 e 500 representantes da industria e a academia chegados de practicamente todas as partes do mundo. Gradiant, como Centro Tecnolóxico TIC referente en tecnoloxías IoT, envía unha delegación ao evento.
A Alianza para a Innovación na Internet das Cousas (AIOTI) tamén participa de xeito activo nesta conferencia. O director xeral de Gradiant, Luís Pérez Freire, tamén chair do WG06 de AIOTI (Grupo de Traballo 06, sobre Smart Farming & Food Security), dirixirá o relatorio titulado: Agricultura intelixente: maior rendemento, mellor calidade, aumento da eficiencia, o día 1 de xuño, durante as sesións de tarde.
A alianza AIOTI (Alliance for Internet of Things Innovation) nace para apoiar á Comisión Europea na investigación e a innovación no campo da Internet das Cousas, así como as súas actividades de normalización e de apoio á toma de decisións en canto a políticas europeas.
Hoxe, AIOTI é o maior foro de stakeholders da IoT en Europa. Identifica os atrancos para a introdución da IoT, as lagoas na estandarización e a normalización, e promove sinerxías ao reunir aos distintos actores involucrados de todos os sectores: telecomunicacións, Internet, automotriz, sector primario, saúde e Smart Cities.
Gradiant está presente na IoT Week 2016 de Belgrado
Compartir Este Artigo

