Finalmente presentouse este 16 de xuño no auditorio do Museo do Mar de Galicia o Proxecto Estrímnides, tal e como avanzamos os días pasados dende Código Cero. Como lembraremos, trátase dunha iniciativa para investigar, a través das novas tecnoloxías, a pegada da cultura fenicia nas comunidades do Noroeste peninsular (máis en detalle as relacións comerciais dos galego-portugueses cos pobos do Mediterráneo). Na presentación do proxecto, en realidade unha xornada de traballo que culmina unha semana de actividades cos axentes implicados, achegóuselle á comunidade arqueolóxica galega unha manchea de detalles sobre Estrímnides: por exemplo a súa “vontade” de rastrexar as ligazóns entre Galicia e o Mediterráneo na antigüidade.
En Estrímnides, financiado polo Ministerio de Economía, participan investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Sevilla e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Uns e outros amosaron no Museo do Mar o estado actual de coñecemento dos materiais de orixe mediterráneo atopados en Galicia ao longo do primeiro milenio antes de Cristo.
O programa da xornada incluíu catro relatorios e unha mesa redonda de clausura. Eduardo Ferrer Albelda, Josefa Rey Castiñeira, Javier Rodríguez Corral e Juan Naveiro López impartiron a conferencia inaugural A ruta das Estrimnídes. Presentación e obxectivos dun proxecto de investigación. Continuou Francisco José García Fernández cunha disertación sobre o comercio atlántico, os principais produtos e redes de distribución no caso do val do Guadalquivir. Logo foi a quenda de Antonio Sáez Romero, que abordou as conexións comerciais, especialmente no eido cerámico, entre a baía de Cádiz e o noroeste de Iberia na II Idade de Ferro.
Tamén interveu Emilio Abad, do CESGA, dando conta das vantaxes e funcionalidades da ferramenta IDEPatri como recurso de traballo para o proxecto Estrímnides. Como lembraremos, IDEPatri ten como finalidade principal o acceso a datos de temática arqueolóxica, sobre todo da cultura castrexa. É o resultado da estreita colaboración entre o CESGA e o GEPN (Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste ibérico), xunto con outros investigadores e institucións, que permitiu o deseño dunha Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE) para o intercambio de información a través de Internet.
O Proxecto Estrímnides colle pulo no Museo do Mar
Compartir Este Artigo

