Finalmente o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) entregou os galardóns da primeira convocatoria do seu Concurso de Scratch, unha iniciativa dirixida a fomentar nos escolares o interese polo desenvolvemento informático, ou sexa, por construír coas súas propias mans a Sociedade do Coñecemento botando man da ferramenta Scratch. A cita foi o sábado 25 de xuño e celebrouse en El Corte Inglés de Santiago. O certame tivo como temática, para esta primeira edición, o Camiño de Santiago. No acto de entrega de recoñecementos participaron algo máis de 70 persoas entre as que se atopaban os rapaces premiados acompañados na súa maioría dos seus pais e profesorado dos centros. O concurso contou co patrocinio de El Corte Inglés, Fundación Barrié, Coremain e Gadis.
O acto comezou cunha presentación sobre o uso de elementos físicos programables dende Scratch, onde se lle presentou aos asistentes dende o Scratch para Arduino a placas Raspberry. Rematada a presentación, chegou o intreen que Marcos Mata, presidente do CPETIG, deu paso á entrega de premios. Segundo informa a entidade profesional galega, os rapaces distinguidos polo seu labor recibiron un distintivo para a súa clase, que consistiu nunha impresión en 3D do símbolo de Scratch, un cheque agasallo (achega de El Corte Inglés, CPETIG e Gadis) e os profesores foron premiados tamén cunha tableta (achega de Coremain e o CPETIG). Ademais, os vencedores das dúas categorías, Primaria e Secundaria, recibiron un vale para unha sesión demostrativa científico tecnolóxica da Fundación Barrié.
Nesta edición presentáronse medio cento de proxectos levados a cabo por grupos compostos por ata 8 alumnos e un profesor pertencentes a distintos centros de ensinanza Primaria e Secundaria de Galicia. O concurso estivo dividido en dúas categorías: I – de 4º a 6º de primaria e II – de 1º a 3º de secundaria
Nunha primeira fase de selección, a través da ferramenta de análise de proxectos DrScratch, foron 17 os proxectos que obtiveron unha nota de entre 14 e 21 puntos e que pasaron a formar parte do grupo de finalistas. De entre estes, o xurado do I Concurso de Scratch Aprendo Programando, emitiu o seguinte fallo:
Na categoría de primaria, o 1º premio recaeu no proxecto Camiño Preguntón do CPI Virxe da Cela, grupo VirtualKids e o segundo premio foi para o proxecto Paseniño, paseniño, faise o camiño do CEIP Vilar de Barrio, grupo Galopíns.
En canto á categoría de secundaria, o 1º premio acadouno o proxecto Andando o Camiño do IES De Brión, grupo Camiñantes e o segundo premio foi para o proxecto Aventuras do Camiño do IES Carlos Casares, do grupo Scratchers en Viana.
O concurso é unha actividade máis das que ven realizando o CPETIG nos últimos anos de cara a difundir os valores da programación entre os nenos, os seus pais e os seus formadores.
Ferramenta que promove o pensamento creativo
Scratch é unha ferramenta informática que permite aos usuarios programar historias interactivas, xogos e animacións, e compartilas en liña con outros membros da comunidade. Deseñada para nenos de idades entre os 8 e os 16 anos, axuda aos máis novos a aprender a pensar de xeito creativo, razoar sistematicamente, e traballar en colaboración coa comunidade.
Por iso, informa o CPETIG, eran obxectivos do concurso “fomentar a aprendizaxe no desenvolvemento de aplicacións informáticas con Scratch; comprender a potencia do seu uso como ferramenta didáctica; favorecer metodoloxías e casos de éxito da ensinanza da programación con este software; e desenvolver estratexias de integración da programación con Scratch en distintas etapas e disciplinas educativas”.
Toda a información do concurso está habilitada na web específica do CPETIG, aprendoprogramando.cpetig.org.
O CPETIG entregou os premios do seu primeiro Concurso de Scratch
Compartir Este Artigo

