A condución autónoma é un tema que nos últimos anos está de máxima actualidade, con proxectos moi interesantes desenvolvidos dende Google ata PSA-Citroën, dando a entender que no futuro os vehículos circularán de xeito automático polas estradas, o que suporá unha importante mellora para a seguridade viaria, pero no estado actual da tecnoloxía a cousa dista bastante, e na xornada de onte dende Tesla Motors deron conta dunha mala nova: o primeiro caso recoñecido dun accidente mortal producido mentres un automóbil Tesla Model S tiña a función Autopilot activada.
Estamos ante un caso que aínda está a investigarse, pero polo momento xa detallan que produciuse nunha autoestrada, cando un tráiler incorporouse perpendicularmente á vía nunhas circunstancias bastante anómalas nas que nin os sistemas do vehículo nin o propio condutor souberon ver ao tráiler contra o que impactou o Tesla, que pasou por debaixo do tráiler impactando no parabrisas co vehículo pesado, con consecuencias mortais para o condutor (mentres que o tráiler non sufriu danos graves).
Dende Tesla presentan as súas condolencias á familia do falecido, pero tamén lembran que a función de piloto automático dos seus vehículos está en probas, vén desactivada de xeito predeterminado (ou sexa, que hai que activala a propósito) e está pensada como asistente á condución e non como condutor autónomo, de xeito que insta ao usuario a manter as mans sobre o volante, e practicamente serviría para evitar certos accidentes, o que curiosamente aconteceulle ao mesmo condutor uns meses atrás, como podemos ver nun vídeo que subiu a YouTube no que o coche eléctrico evitou unha colisión contra outro vehículo que fixo un cambio de vía imprudente.
Parece que o condutor tivo un exceso de confianza nas medidas de seguridade do Tesla Model S, pese a que tiña demostrado ser bastante consciente das súas limitacións; e este accidente está a chamar á reflexión ante o perigo de adoptar solucións de condución mixtas, nas que se combinan condución manual e autónoma, xa que o elemento humano é o que causa a meirande parte dos sinistros, de aí que hai voces que defendan que a automatización total será a única opción de futuro.
Dende Tesla Motors detallan que estamos ante o primeiro accidente con consecuencias mortais en máis de 209 millóns de quilómetros percorridos coa función de piloto automático activada en automóbiles da compañía, cando de media un accidente desta magnitude dáse nos EE.UU. unha vez cada 151 millóns de quilómetros (97 millóns de quilómetros se falamos a nivel mundial), o que constataría que a condución autónoma é máis segura que a manual, pero a tecnoloxía aínda ten que mellorar para reducir máis o risco.
Vídeo no que podemos ver como o Autopilot do Model S salvou ao falecido dunha colisión hai uns meses
ACTUALIZACIÓN: Segundo avanza o tempo imos
sabendo máis detalles sobre o accidente mortal do Tesla Model S co Autopilot
activado, e parece desbotado que se tratase dun mal funcionamento do sistema de
condución autónoma, simplemente porque se enfrontou ante unha condición para a
que non
se prevé que estea solución estea preparada ata 2018 segundo a compañía que
desenvolve este sistema, Mobileye, que asegura que o sistema de freo automático
de emerxencia polo momento está deseñado para evitar chocar contra a parte
traseira doutros vehículos, pero no tráxico accidente o tráiler estaba en
disposición lateral, xa que estaba a atravesar a autoestrada para incorporarse aos
carrís en dirección contraria ao Model S, manobra moi pouco habitual que
claramente non está prevista polo sistema de condución autónomo (que en todo
momento se deixa claro que está en probas).
Outro detalle preocupante do accidente é que parece que o condutor non estaba
precisamente atento á estrada, pois os oficiais da autoestrada de Florida declararon
que o
condutor levaba no vehículo no momento do accidente un reprodutor de DVD
portátil cun filme de Harry Potter que aínda continuaba a reproducirse
cando os axentes chegaron ao lugar do sinistro.
