O ambicioso proxecto intelixente da Cidade da Muralla, Lugo Smart City (do que falamos onte en Código Cero para salientar o pulo estatal recibido e o investimento co que parte, 4,1 millóns de euros), abrangue entre as súas moitas medidas o despregamento de tecnoloxía para facer máis doado e eficiente aos condutores o proceso de busca de aparcadoiro. E todo a través dos seus móbiles. Esta iniciativa (Xestión intelixente do aparcamento) centrarase para comezar nun emprazamento céntrico da cidade e dando cobertura, nos seus primeiros pasos, a 200 prazas de aparcadoiro. En termos máis concretos, contempla a instalación dunha rede de sensores sen fíos instalados no asfalto que detectarán o peso dun vehículo.
A devandita información obtida servirá para indicar se existe ou non unha praza libre de aparcadoiro. Isto canalizarase a través dunha aplicación móbil específica (unha app), que contará cun sistema de guiado ata a praza libre máis próxima. O orzamento do que dispón esta iniciativa é de 267.000 euros. O Concello, malia toda a información achegada sobre Lugo Smart City, non forneceu a localización exacta onde se vai despregar esta tecnoloxía. Prevese, iso si, que será nunha zona próxima ao centro. Segundo se avanza nos medios de comunicación, o servizo será de balde para a cidadanía e serviría, en gran medida, para desconxestionar o tráfico e reducir tránsito e contaminación. A medida, en certo sentido, seguiría o ronsel doutras experiencias semellantes levadas a cabo en cidades como Compostela, onde, como lembraremos, habilitouse unha proba piloto na avenida de Barcelona, botando man de tecnoloxía galega para móbiles (a aplicación galega Apparcar).
Lugo contará cunha app para facilitar a xestión intelixente do aparcamento
Compartir Este Artigo

