A semana pasada formalizouse un acordo na nosa terra para contribuír a tirar abaixo os atrancos das persoas con diversidades funcionais auditivas no camiño cara ás novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC). O convenio de colaboración foi asinado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) e diríxese, nas súas palabras, a mellorar a accesibilidade e crear canles de comunicación que garantan a igualdade de acceso por parte de todos os cidadáns e cidadás.
A iniciativa foi rubricada polo presidente da federación de concellos, Alfredo García e o presidente da FAXPG, Iker Sertucha. Este aproveitou a oportunidade para lembrarlle a García “as dificultades coas que a día de hoxe aínda se atopa unha gran maioría de persoas xordas á hora de acceder aos contidos dos medios audiovisuais e as canles dixitais, por non estaren adaptados ao colectivo”.
A través desta iniciativa, ambas as dúas entidades compartirán accesos e información nas súas plataformas dixitais. Nun plano máis concreto e segundo fixeron saber García e Sertucha, “a FAXPG dará conta dos seus servizos e actividades a través da FEGAMP, garantindo a difusión do seu traballo entre as institucións públicas e privadas que atenden ao público, así como entre a cidadanía en xeral”. A maiores, con este acordo, a federación de municipios comprometeuse a que todos os seus medios de comunicación e de índole dixital sexan accesibles para as persoas xordas.
A FEGAMP quere loitar a prol da accesibilidade TIC das persoas xordas
Compartir Este Artigo

