
Trátase dunha iniciativa impulsada dende Concellería de Turismo e diríxese a visualizar os atractivos locais perante bitacoreiros turístico de “influencia e prestixio”. Segundo fixo saber o concelleiro Francisco Vilariño, a iniciativa encamíñase a difundir o concello de Lalín e os seus recursos, contribuíndo a acadar a máxima promoción a nivel turístico en redes sociais e nos cadernos dixitais de cada participante, “coa repercusión que isto significará para o enriquecemento social, económico e cultural do concello”.
A iniciativa abranguerá xeiras de acollida de blogueiros durante unha fin de semana do mes de outubro. Durante esta estadía os impulsores do programa amosaranlles os enclaves de Lalín de meirande valor paisaxístico, natural, arquitectónico e histórico, incluída a Fraga de Catasós (un conxunto de gran valor ambiental declarado Monumento Natural e que acubilla, no seu seo, algúns dos máis senlleiros carballos e castiñeiros da nosa terra), as diferentes rutas do rural ou os emprazamentos máis salientables da propia vila. O Concello confía en que a estadía dos blogueiros en Lalín repercuta moi positivamente na presenza vindeira de visitantes, con todo o que ten isto de positivo para o comercio local e os eidos gastronómicos e hostaleiros locais.
Lalín acollerá unha embaixada de blogueiros para amosarlles as súas posibilidades turísticas
Compartir Este Artigo

