O labor comunicativo do portal Vinetur.com, do que temos falado en Código Cero para salientar o seu papel referencial no sector vitivinícola (en 2015 foi a web mellor clasificada da súa categoría temática e dentro dos sitios mundiais en español), vai ser recoñecido polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei. Así nolo contan dende Vilagarcía os responsables do devandito portal, unha iniciativa que xa ten ás súas costas oito anos de andaina en Internet e que se centra en informar sobre todos eidos de influencia do sector: dende a información de viños e actividades relacionadas, ata as últimas novidades do enoturismo, pasando por adegas, economía, saúde, agricultura, mercados, mercadotecnia, hostalaría, gastronomía, destilados, etc. A medalla do Consello Regulador será entregada polo presidente da Xunta o vindeiro 12 de agosto en Verín.
O devandito evento enmárcase dentro das diversas actividades da XI Feira do Viño de Monterrei que se celebra do 12 ao 14 de Agosto. Emanuel Casais, director de Vinetur, recibirá a distinción en representación de Vinetur.com, nas súas palabras “un medio especializado que se desenvolve en Galicia e que actualmente lidera en Internet a información do viño en castelán”.
Vinetur.com, en 2015, foi quen de recibir 7,7 millóns de visitantes (unha media de máis de 20.000 accesos diarios) que consultaron máis de 27 millóns de páxinas. Vinetur desenvolve integramente (desde as súas oficinas en Vilagarcía de Arousa) todos os seus servizos, desde a programación propia da plataforma web, ata os labores de mercadotecnia, redacción e xestión. Ademais Vinetur mantén acordos e colaboracións con outros medios e axencias para poder ofrecer “a máxima información de actualidade”.
O Consello Regulador de Monterrei recoñecerá a contribución informativa do portal galego Vinetur.com
Compartir Este Artigo

