Para os que queiran gozar do fútbol televisado a través de streaming a oferta está a incrementar a competencia, e tras a flexibilidade de Tedi chega agora beIN CONNECT, que por 9,99 euros/mes inclúe as canles beIN LaLiga, beIN SPORTS, LaLiga 1|2|3 TV, beIN LaLiga MAX, beIN SPORTS MAX e GOL, de xeito que achega os partidos de LaLiga Santander, LaLiga 1|2|3, Copa do Rei, Champions League, Europa League e fútbol internacional, faltando só nesta oferta o Partidazo (que Tedi comercializa por 4,95 euros/mes.
Entre as vantaxes de beIN CONNECT está o feito de non depender doutras contratacións de servizos de telecomunicacións, carecer de compromiso de permanencia, e contar con aplicacións para smartphones e tabletas (compatibles con Chromecast), para algún Smart TV (actualmente das marcas LG e Samsung ou que funcionen con Android TV) e podendo incluso verse dende o ordenador a través dun navegador web (Firefox ou Internet Explorer co engadido de Silverlight instalado).
Aínda que o prezo sexa atractivo, queda por ver se estamos ante unha solución que realmente sexa operativa, pois na pasada tempada beIN CONNECT foi unha das plataformas de streaming que provocaron un maior malestar entre os usuarios xunto a Total Channel, por fracasar á hora de retransmitir partidos de elevada demanda que saturaron os seus servidores.
beIN CONNECT ofrece partidos da Liga e a Champions por 9,95 euros/mes
Compartir Este Artigo
