O Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para combater a fenda tecnolóxica na nosa terra a través dunha fronte común aberta e participativa de “aliados dixitais” (entidades ou profesionais do noso ecosistema tecnolóxico comprometidos coa divulgación TIC e o desenvolvemento galego), vén de recibir a adhesión da Asociación Inserta Empleo, entidade de formación e emprego da Fundación ONCE. No marco deste marco de cooperación ambas entidades (AMTEGA e Inserta Empleo) xa activaron a iniciativa Formación e CODIX para persoas con discapacidade, destinada a fornecer capacitación en ofimática a persoas en situación de desemprego con certificado de discapacidade igual ou superior ao 33%, co fin de garantir o seu acceso ao mercado laboral.
Segundo nos lembra AMTEGA acerca do alicerce no que se apoia a alianza, a dita asociación levou a cabo xa as primeiras actividades formativas de ofimática nas aulas da Rede CeMIT de A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Santiago e Lugo, nas que irá desenvolvendo as 190 horas formativas do curso para a obtención da certificación en ofimática (CODIX). Unha vez rematado o período de formación, as persoas participantes poderán obter a Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX) mediante a superación dunha proba presencial de carácter voluntario baixo a supervisión tanto das dúas entidades. Segundo recorda a axencia, a asociación ligada á ONCE colaborará tamén co Plan de Inclusión organizando outras actividades formativas, eventos ou iniciativas de divulgación e dinamización das TICs e na difusión da inclusión dixital en Galicia.
Acerca de CODIX
AMTEGA habilitou en 2014 as aulas da Rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos que compoñen o plan formativo ofimático de Galicia con vistas á obtención da Certificación de Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX) pola cidadanía en xeral, “garantíndose xa non só o acceso á formación necesaria senón tamén unha porta de entrada ás probas de avaliación que ata ese intre non existiran”.
A certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX) é o documento que acredita posuír a combinación de coñecementos, capacidades e aptitudes no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) que as persoas precisan para desenvolverse con eficacia e eficiencia no manexo de aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación.
A Fundación ONCE e AMTEGA achegan formación en ofimática e colectivos en desemprego
Compartir Este Artigo

