A comezos de 2014 púxose en marcha na Administración galega a posibilidade de que os traballadores e traballadoras da Xunta de Galicia flexibilizasen a súa xornada laboral e se acollesen á modalidade de teletraballo cando ocupasen determinados postos e as necesidades do servizo o permitisen para fomentar a conciliación da vida laboral e familiar, e actualmente máis de 9.000 traballadores acolléronse ás modalidades de flexibilidade horaria e teletraballo.
En canto a flexibilidade horaria, con datos pechados a 31 de xullo, 9.038 persoas benefícianse desta iniciativa (607 traballadores máis que a finais de 2015) , 1.080 baixo o réxime de conciliación familiar (é dicir, teñen fillos menores de 12 anos ou persoas dependentes ao seu cargo) e o resto na súa modalidade automática.
Por ámbito territorial, do total de traballadores con flexibilidade horaria o 62% correspondese ao persoal que presta servizo no ámbito periférico, fronte ao 38% de persoal de servizos centrais da Xunta.
No eido do teletraballo, xa son 172 os empregados públicos que prestan servizo a través desta modalidade de traballo non presencial. Destes, o 76% dos postos autorizados atópanse en servizos centrais, mentres que o restante corresponde a postos de servizos periféricos.
En maio de 2015 comezaron as primeiras prórrogas do teletraballo, unha vez se cumpriu o prazo dun ano desde as primeiras autorizacións concedidas. Actualmente, todos os empregados públicos que comezaron a traballar hai un ano foron autorizados para prorrogar esta modalidade un ano máis, froito da boa experiencia e beneficios desta medida.
Cabe recordar que os traballadores acollidos a este réxime son aqueles que polas características do seu posto así como polas necesidades do servizo o permitisen. Entre estes postos destacan os letrados, asesores xurídicos, corpos de inspección (farmacéutica, urbanística, de traballo, de saúde pública), tradución, entre outros.
Por departamentos, as consellerías con máis empregados acollidos ao sistema de teletraballo son a Presidencia (52), Medio Rural (23), Vicepresidencia (21), seguidas de Sanidade (21) e da antiga Consellería de Traballo e Benestar (15).
Máis de nove mil traballadores da Xunta benefícianse das facilidades para conciliar a súa vida laboral e familiar
Compartir Este Artigo

