O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) vén de achegar datos recentes e actualizados sobre a presenza de TIC nas nosas casas. Na nova investigación do organismo adscrito á axencia AMTEGA cóntasenos, entre outras cousas, que a contratación de Internet mediante banda larga acadou unha porcentaxe do 71,4% dos nosos fogares, “cun ritmo de medre superior á media estatal e europea”. Este proceso de crecemento, sinálase no informe novo de OSIMGA, permitiu que en catro anos a nosa Comunidade reducise en 7,2 puntos a distancia en materia de contratación de banda larga que a separaba da media estatal. Son datos achegados polo Observatorio a través do informe Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos 2015.
Na investigación, meténdonos de cheo en ámbitos máis específicos, sinálase que o devandito incremento atinxiu principalmente aos concellos de menos de 10.000 habitantes, que eran os que amosaban unha fenda dixital máis acusada e, polo tanto, unha base máis acaída (por estreita) para amosar agora meirande suba de amplitudes.
Así, entre 2012 e 2015 os municipios con menos de 5.000 aumentaron a porcentaxe de fogares con internet en máis dun 60% e no segmento de 5.000 a 10.000 habitantes en máis do 56%. Os concellos galegos de máis de 20.000 habitantes superan a media galega e no caso dos de máis de 50.000 superan a media galega, estatal e europea cunha porcentaxe de contratación de internet do 80,4%.
O informe do OSIMGA tamén certifica que a presenza de nenos no fogar é directamente proporcional a un meirande uso das novas tecnoloxías da información, por ser eles, as cativas e os cativos, os encargados de abrir a porta ás TIC e permitir o seu pleno afianzamento. Deste xeito, a contratación de internet a través de banda larga en fogares con nenas/os en idade escolar obrigatoria superou en 22,5 puntos porcentuais aos fogares sen nenas/os.
No que atinxe ao emprego de Internet, a porcentaxe de persoas que usaron a Rede nos últimos tres meses medrou en 2016 ata emprazarse no 70,7%. Segundo se fai saber no informe, “a idade é un factor determinante neste indicador, acadando niveis de uso do 98,2% no treito de idade entre os galegos de 16 e 24 anos, nun valor moi semellante ao do conxunto do Estado (98,5%)”. Ademais, sinálase que ata os 44 anos, Galicia “converxe coa media estatal e mesmo a supera lixeiramente no tramo de idade de 25 a 34 anos.” Nas idades comprendidas entre os 65 e 74 anos o uso de Internet sitúase no 21%.
Respecto do uso e afianzamento da Administración Dixital, na investigación infórmase que Galicia “destaca en interacción coas Administracións Públicas a través de Internet, por enriba da media estatal e europea”. De feito, as comunicacións en liña coas entidades públicas para a obtención dalgún tipo de información acadaron unha taxa do 69,1%, cun crecemento do 6,8% en Galicia no último ano. Respecto da descarga de formularios, incrementouse nun 6,4% en Galicia, acadando o 56,4%. O terceiro indicador de interacción coas administracións a través de Internet, o envío de formularios cumprimentados, segue a mesma tendencia á suba dos devanditos. De novo a evolución do indicador resulta moito máis elevada a nivel galego (un 55,8%) que estatal (un 17,1%) ou europeo (14,3%) no período 2012-2015, o que sitúa a Galicia por riba da media estatal e europea.
Por outra banda, o estudo tamén lembra que a porcentaxe de internautas que mercaron a través de Internet nos tres últimos meses (36%) segue a medrar, superando o valor rexistrado no ano anterior en 6,5 puntos porcentuais e cun crecemento relativo dun 22%.
Sete de cada dez fogares galegos xa teñen Internet de banda larga
Compartir Este Artigo

