A Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) organiza este xoves 8 unha xornada de inserción laboral para menores de 30 anos que se celebrará na súa sede da Praza de Luís Seoane de 10:00 a 19:30 horas. A xornada incluirá obradoiros de motivación, de procura de emprego a través das redes sociais, de como facermos marca persoal e de técnicas de venda. Tamén haberá relatorios sobre como emprender e como obter financiamento e máis unha mesa redonda de casos reais de novas firmas innovadoras galegas. Igualmente presentarase o proxecto Viveiro de Talento 2016.
O viveiro é un programa que a CEC lanza en colaboración coa Fundación INCYDE para incentivar o traballo por conta propia ou allea entre mozos desempregados menores de 30 anos, contando con co-financiamento do Fondo Social Europeo. Ao abeiro do proxecto escolmaranse 60 participantes que recibirán formación, asesoramento de balde e personalizado, orientación para a procura de emprego e o autoemprego e prácticas en empresas. Ademais, a CEC comprométese a fomentar a inserción laboral dos participantes entre as empresas que forman parte da Confederación.
A CEC amosa este xoves como procurar emprego a través das redes sociais
Compartir Este Artigo

