Os 15 mozos lucenses en situación de desemprego que resultaron beneficiados do programa Communitteando visitaron este martes a sede da Deputación de Lugo, onde foron recibidos polo presidente da institución, Darío Campos. Como recordaremos, Communitteando é un programa formativo con obradoiros sociais e tecnolóxicos de emprego xuvenil envorcados nas novas canles e ferramentas dixitais. Foi posto en marcha pola Deputación para fornecer aos alumnos coñecementos teóricos e prácticos de utilidade para seren, en boa medida, comunicadores en liña. Ofrece formación remunerada cuns 650 euros mensuais (o salario mínimo interprofesional).
Segundo informa a Deputación, durante seis meses os participantes formaranse como community managers (referentes informativos nas comunidades en liña) e recibirán formación especializada sobre sistemas operativos, elementos da Rede e aplicacións informáticas e microinformáticas. Farano nas instalacións de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) na capital luguesa, colectivo que colabora coa Deputación no desenvolvemento deste obradoiro. Son un total de 960 horas de formación teórica.
Darío Campos, na visita dos participantes nos obradoiros, díxolles que grazas ao programa serán responsables da creación dunha nova páxina web para impulsar o traballo que leva a cabo COGAMI, así como “dunha pioneira aplicación tecnolóxica” coa que se tentarán detectar as barreiras arquitectónicas existentes, “que impiden un acceso universal ás instalacións públicas”. A través desta aplicación, engadiu, “os veciños poderán trasladar de xeito inmediato mediante os seus dispositivos móbiles ás dificultades de accesos coas que aínda se atopan moitos cidadáns”. Tamén sinalou que se tratar dun proxecto piloto que se porá en marcha na cidade de Lugo, “pero que se busca estender a toda a provincia”.
A Deputación de Lugo recibe aos participantes no seu proxecto Communitteando
Compartir Este Artigo

