A entidade bancaria BBVA vén de lanzar a segunda edición do seu programa Blue BBVA Challenge, un concurso-desafío lanzado ao abeiro de TEDxMadrid e que se dirixe a proporcionar apoio e recoñecemento a estudantes universitarios ou de estudos superiores, de entre 18 e 29 anos, que teñan entre mans solucións innovadores para as Cidades Intelixentes. Segundo sinala a banca, as persoas interesadas en participar deben inscribirse na web do concurso, tanto de maneira individual como en grupos de ata cinco persoas.
A iniciativa inclúe un punto de inflexión, o Challenge Day de Madrid, que se celebrará en novembro e que servirá para que as cinco mellores propostas pasen a unha segunda fase, na que recibirán cinco módulos de formación de maneira presencial. Na primavera os responsables destas propostas amosarán os seus proxectos finais. Os que obteñan as mellores valoracións serán premiados cunha viaxe a Berlín.
O tema elixido nesta segunda convocatoria e sobre o que virarán as propostas dos participantes é o de Cidades do futuro. O devandito Challenge Day de Madrid, informa BBVA, será unha xornada na que as mozas e mozos inscritas/os verán de maneira práctica todo o que deben ter en conta á hora de desenvolver un emprendemento innovador. A xornada rematará coa presentación dos grupos participantes, que deberán desenvolver unha idea que vire ao redor da temática elixida este ano, as solucións smart para mellorar as nosas cidades (facelas máis sustentables, mellor conectadas e máis eficientes, en definitiva, mellores lugares para vivir).
Como dixemos, a organización do Blue BBVA Challenge elixirá a cinco grupos que recibirán durante catro meses cinco módulos formativos presenciais, nos que poderán desenvolver diferentes puntos da súa idea inicial, desenvolvida no Challenge Day. Durante o proceso de maduración das ideas estarán acompañados por mentores especializados nos perfís da mocidade emprendedora. Os grupos que non foron elixidos no Challenge Day poderán seguir de maneira virtual os módulos formativos e proseguir a maduración de cadanseus proxectos.
Unha vez completadas as sesións de acubillo, o cinco proxectos dos finalistas, ademais doutro proxecto dun dos grupos que traballasen online, participarán na final, que se celebrará na primavera de 2017. Deste seis grupos, o xurado, formado con institucións do sector da innovación, sairá un gañador, que será premiado cunha viaxe “experiencial” a Berlín para participar no Unlikely Allies do Impact Hub. “Ademais de participar en accións relacionadas co reto das cidades do futuro que se realizarán na cidade alemá, poderán coñecer de primeira man o tecido emprendedor novo dunha das urbes máis dinámicas de Europa”, engade a organización do certame-concurso.
BBVA busca entre a mocidade as mellores fórmulas smart para as nosas cidades
Compartir Este Artigo

