As novas tecnoloxías son un terreo de grandes potencialidades comunicativas, pero (dende logo) tamén lingüísticas. Son, para entendernos, un xeito de situar o galego no mundo e aos restantes idiomas en relación co noso. Dan man de dous investigadores galegos chéganos, precisamente, unha inesperada proposta de interacción entre linguas: entre o galego e o latín. Falamos da aplicación Latingal, que permite buscar unha palabra latina e atopar a súa definición e equivalentes na nosa lingua.
Foi presentada a semana pasada e parte dunha base de 30.000 entradas. Segundo o seu equipo de creadores (os profesores e tradutores Raúl Gómez Pato e José Carracedo Fraga), é dende logo a primeira das súas características. Polo de agora só está dispoñible para aparellos con sistemas Android, pero estase a traballar na versión iOS.
Con Latingal, Raúl Gómez e José Carracedo cobren unha serie de vertentes de interacción que ata o de agora ficaban baleiras: non existía ata o de agora un recurso tecnolóxico que nos permitise un achegamento tan directo ás relacións e equivalencias existentes entre o latín e o galego, por non falar do potencial de Latingal como recurso investigador e como elemento normalizador das TIC no ámbito lingüístico e cultural. Segundo apuntan os creadores, amais de todo o devandito cómpre engadir outra característica: estamos ante unha ferramenta útil para a tradución e para o ensino medio e superior, “pois ofrece múltiples filtros de busca e permite a consulta dos termos fóra de liña, sen necesidade de conexión”.
Segundo se engade dende o Portal das Palabras, Latingal vén cubrir ademais un oco necesario para a normalización plena da nosa situación cultural e lingüística, ao converter o primeiro Dicionario latín-galego (publicado por Carracedo en Galaxia, 1999) nunha app “con maior versatilidade e posibilidades”.
Chega Latingal, app para traducirmos termos latinos ao galego
Compartir Este Artigo

