
O encontro, organizado pola Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra, celebrouse no Museo de Pontevedra. Segundo informa a RAG, a xornada concibiuse como “un curso para formar formadores”, persoas que non teñen que ser grandes expertos en toponimia, senón só contar “con certa pericia e erudición lingüística para seren capaces de achegar aos institutos de ensino, ás asociacións de veciños ou comunidades de montes uns coñecementos básicos para recoller con fiabilidade topónimos que hoxe poden ser recolleitos e que quizais dentro de 24 horas xa non”.
Na inauguración do acto tamén interveu o deputado Xosé Leal, quen salientou por unha banda a importancia de preservar a nosa toponimia, e pola outra a relevancia de loitarmos contra a súa deturpación, práctica que “é un mal que se está a reproducir en maior medida hoxe en día, mesmo desde as institucións”, sinalou. O deputado avogou tamén pola introdución das novas tecnoloxías na recollida como forma de achegarse á mocidade e involucrala, porque “é o futuro e a encargada de preservar o pasado”.
Na xornada tamén interviñeron Xosé Lois Vilar (achegando aos presentes ao labor de recollida de talasonimia desenvolvido en Baiona, un traballo aínda por completar que sumou ata o momento cerca de 1.300 microtopónimos costeiros e mariñeiros), Anxo Rodríguez Lemos (que introduciu aos asistentes no traballo do Instituto de Estudos Miñoráns para xuntar forzas coas comunidades de montes a prol da preservación de toponimia e microtoponimia) e María Abelleira Fontán (propoñendo un achegamento a Chamámonos así, proxecto da Concellería de Normalización Lingüística de Pontevedra a través do cal quérese rexistrar a toponimia viva na memoria das persoas que habitan as parroquias da contorna, xeorreferenciala e crear unha base de datos de acceso público para a consulta e a investigación).
Voluntarios internautas
Na xornada, rica en presentacións, propostas e ideas para proxectos vindeiros, tamén se deu a coñecer a metodoloxía da aplicación de recolleita xeorreferenciada na que está a traballar a Real Academia Galega a través do Seminario de Onomástica. Segundo se fixo saber, este departamento, en colaboración coa axencia AMTEGA, quere impulsar unha aplicación colaborativa en liña para a recolleita, a xeorreferenciación e a difusión da microtoponimia nunha única base de datos. Segundo fixo saber Vicente Feijoo, responsable de toponimia do Seminario, esta nova ferramenta “permitirá que o voluntariado cultural de Galicia, desde unha tableta ou un teléfono intelixente, poida facer recolleita da microtoponimia da súa aldea, parroquia ou concello e, segundo unha metodoloxía predefinida, introducila nunha base de datos e emprazala xeograficamente”. Tameń engadiu que estes nomes, logo de seren examinados e contrastados por especialistas e informantes (a través dun foro específico), pasarán a integrar o banco de topónimos normalizados de toda Galicia, de acceso libre a través de toponimia.xunta.gal.
Os investigadores apelan ao uso comunitario e participativo das TIC para salvar a nosa microtoponimia
Compartir Este Artigo

